Opinión

Filosofía e humanidade

O filósofo alemán Markus Gabriel, presente nun acto convocado pola Fundación Juan March, non dubidou en afirmar, con terminante expresividade, que a supresión da materia de Filosofía na formación básica era "un crime contra a humanidade". Estaba o catedrático da Universidade de Bonn en novembro do pasado ano en Madrid en conversa cos tamén filósofos José Luis Villacañas e Ernesto Castro, profesores da Autónoma e da Complutense de Madrid, respectivamente, e concluía o autor de Ética para tempos escuros, de xeito categórico, que, dadas as circunstancias actuais, a filosofía era máis necesaria ca nunca. 

Xa a Unesco, dende que instituíu o Día Mundial da Filosofía, no ano 2005, instou a todos os Gobernos do mundo a outorgaren á filosofía un papel importante na formación xeral da cidadanía, comezando por lle conferir un maior peso no ensino secundario e até, desexabelmente, tamén no primario. Eu lembro unha conferencia pronunciada polo filósofo español Víctor Gómez Pin, neste caso na Fundación César Manrique, titulada Contra la barbarie: la filosofía educadora de la humanidad, na que se facía constar, como ben se sabe e denunciaba o filósofo, que a maioría dos cidadáns de Europa ou de Norteamérica están sometidos a unha modalidade de vida (e de educación) tan embrutecedora –así se le nos papeis da Fundación lanzaroteña– que convertería mesmo en sarcasmo a idea de priorizar a formación filosófica.

O certo é que estamos como estamos. A Rede Española de Filosofía, que vertebra toda a comunidade filosófica, asociativa, institucional e académica do Estado español arredor da materia en cuestión, acaba de emitir un comunicado no que di textualmente, a respecto da exclusión da Filosofía do currículo da ESO, que o actual Ministerio de Educación non vai aplicar o acordo xeral acadado por consenso na Comisión de Educación do Congreso en outubro de 2018, pois no texto definitivo subscrito por todos os partidos do arco parlamentar naquela altura especificábase que o novo currículo de 4º da ESO incorporaría a materia de Ética como común e obrigatoria. E a Rede Española de Filosofía, que eu respecto intelectual e organicamente, amosa a súa decepción diante do incumprimento do mandato parlamentar por parte da ministra Pilar Alegría e os representantes do Ministerio.

A humanidade sen a Filosofía, sen a Ética, está perdida. Serán os seres humanos outra cousa: un enxendro comesto pola ignorancia, sen pensamento autónomo e sen capacidade intelectual para a reflexión. Aínda estamos a tempo. Como di a REF, solicitemos ás instancias gobernamentais que sexan responsábeis e non enterren a Filosofía, pois esta (Étienne Gilson) acabará por enterralas a elas.

Comentarios