Opinión

Ecocidios ao día

E cocidios ou suicidios ambientais provocados. O lembrado Olof Palme, na Conferencia de Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente, celebrada en Estocolmo en 1972, falou tamén de "guerra ecolóxica". Mais a día de hoxe, con todo o que ten acontecido e dadas as circunstancias, eu estou de acordo, engadido a todo o anterior, con David Freeman, cando, despois de estudar os diversos tratados e decisións internacionais sobre protección ambiental, sostén que a actual orde xurídica internacional para o medio ambiente non ten suficientemente en conta o crecente risco de destrución ambiental masiva provocada por individuos e Estados. E por iso sería necesario, dicimos nós, contemplar o ecocidio, con todas as da lei, como unha forma de crime contra a humanidade.

Moitos ecocidios ademais do Parque Nacional e Natural de Doñana están, por desgraza, en marcha —non falemos agora do Mar Menor—. E tamén en Galiza

O ecocidio que se está a perpetrar nas provincias andaluzas de Huelva, Sevilla e Cádiz, nas que se estende o parque nacional e natural de Doñana —declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1994—, cobra na actualidade máximas tinturas vermellas de alarma; mais a forma de "terrorismo ambiental" que se está a levar a cabo (o mesmo "terrorismo" que cando se queiman os montes á mantenta) xa fora percibida neste caso pola Unión Europea tempo atrás, pois hai dez anos iniciara un procedemento de infracción contra España e a Junta de Andalucía pola agresión sistemática que xa naquela altura estaba a sufrir o tesouro natural de Doñana. O que acontece agora, visto o visto, por parte do actual goberno da Junta andaluza, con toda a alegría tétrica e irresponsabilidade manifesta da extrema dereita gobernante, supón dar a «estocada buena» ou a «estocada honda» a unha das zonas naturais protexidas máis importantes de Europa.

Moitos ecocidios —non falemos agora do mar Menor— están, por desgraza, en marcha. E tamén en Galiza. Até a palabra "ecocidio" foi finalista, como vocábulo, na iniciativa promovida pola Academia Galega e a Fundación Barrié para a Palabra do Ano 2022. E agora mesmo a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños impugna o real decreto dos plans de ordenación do espazo marítimo, aprobado polo Goberno central, que permite implantar a eólica mariña, pois supón unha ameaza mortal para o parque pesqueiro situado fronte ás costas coruñesas, que con 1.800 quilómetros cadrados é o de maior extensión de toda España e un dos caladoiros máis valiosos de Europa. Aviados estamos.

Comentarios