Opinión

Díaz Pardo no tempo

O artista e intelectual que el foi afirma con rotundidade que a arte debe cumprir unha función social

LIN CON emoción o libro de Xosé Ramón Fandiño titulado Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso, que é ao mesmo tempo unha excelente biografía do mestre compostelán e unha homenaxe chea de fondos escintileos de erudición e de admirada suma de coñecemento. Ninguén mellor que Fandiño, que traballou arreo no Instituto Galego de Información con Díaz Pardo, para escribir sobre a polifacética figura do artista, escritor, editor e empresario que nos deixou vai facer case que dez anos.

Cando ingresou no ano 2009 como membro honorario na Academia Galega de Belas Artes —que aínda hoxe loce na súa denominación "de Nuestra Señora del Rosario"—, Mercedes Goicoa, presidenta da institución, lembrou que Díaz Pardo fora por un tempo profesor de Debuxo na Escola de Belas Artes de Sant Jordi en Barcelona —sinálao tamén Fandiño— e fixo mención aos seus tíos paternos, a pintora María Dolores Díaz Baliño e o escultor Indalecio Díaz Baliño, moi esquecidos hoxe, que foran no seu día membros de número da Academia con sede na Coruña.

Dous meses antes do seu pasamento, Isaac Díaz Pardo, nunha entrevista concedida á Televisión de Galicia, referíase, xa con tristura, ao Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, fundado no ano 1970 e aínda non superado hoxe como institución centrada na expresión plástica propia do noso país. Non podía imaxinar o noso Isaac que o Museo, concibido por el e por Luís Seoane, a estas alturas do 2021 seguiría sen ser declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta e que as súas máis de 1.800 obras de arte galega contemporánea, pechadas ao público, están seriamente ameazadas pola "humidade" e seguen a ser obxecto dun gravísimo desleixo institucional. Pode acontecer isto nun país moderno, con competencias plenas en Cultura e con visión de futuro, como se adoita dicir?

O legado, inmenso, de Isaac Díaz Pardo —velaí a desfeita de Sargadelos non está a ser respectado na terra que o viu nacer. Isaac falaba decote con retranca fina, mais tiña moi claro o que había que facer en materia cultural. Sempre a memoria histórica e as formas, o progreso ético e estético das formas, en primeiro plano. Nun documento que conservo, o artista e intelectual que el foi afirma con rotundidade que a arte debe cumprir unha función social, e que o compromiso na verdadeira obra artística resulta esencial e constitutivo da obra mesma. Díaz Pardo eterno.

Comentarios