Opinión

Día das Letras Galegas

As letras alfabéticas representan fonemas e estes veñen ser os sons individuais dunha fala, dun idioma, ou, como diría o neurocientífico cognitivo francés Stanislas Dehaene, as letras son ‘átomos’ de palabras faladas. E acontece mesmo nos nosos días —valoremos o feito en si e a información que este produce— que o tempo dedicado a escoitar ‘audios’ de palabras faladas, reproducidas sonoramente, ten aumentado, segundo diversos estudos, arredor dun 20%, foren audios sociais de comunicación inmediata, podcasts ou audiolibros que lle dan vida fónica ao literario.

Pasado o Día (oficial) das Letras Galegas, dedicado nesta ocasión a Francisco Fernández del Riego —un dos históricos creadores de tal data cultural e festiva— en certa maneira pasou a ‘romaría’. Porque non é difícil comprobar, fóra de certos ámbitos celebrativos e litúrxicos de interese eventual, como os átomos de palabras faladas en galego padecen un certo estado de perda real de ‘enerxía’, ou expresamente, en moitos casos, de descomposición. ¿Cantos comercios galegos ofrecen na actualidade a información aos consumidores galegofalantes —as ‘cartas’ no caso dos restaurantes— no idioma propio (Estatuto de Autonomía) de Galiza? ¿Respéctanse no espazo público, e nos espazos privados abertos ao público, os dereitos lingüísticos dos cidadáns galegos que empregan, con toda lóxica e naturalidade, o idioma galego?

Expresaba non hai moito, con máxima sinceridade e plena contundencia, a cantante, e tamén filóloga, María Xosé Silvar, popularmente coñecida como Sés, que ao galego "quedábanlle 30 anos de vida, como lingua vehicular, porque os nenos non o falan, e unha lingua que non falan os nenos, morre". ¿Poden vivir e perdurar os átomos dunha lingua, as palabras faladas, se as nenas e os nenos na súa maioría abandonan o seu núcleo emisor? Para dar fe da descomposición atómica do galego non hai máis que acudir aos datos que fornece o Instituto Galego de Estatística.

Se realmente queremos que o idioma galego —idioma internacional, por certo, porque é o pai e a nai universais do portugués— teña futuro de seu, debemos celebrar a lingua, as súas palabras escritas e faladas, todos os días de cada ano, converténdoos en Días das Letras Galegas. Tal vez así consigamos non ser devorados polo burato negro do xenocidio semántico cultural que temos posíbel e presente no noso horizonte de sucesos.

Comentarios