viernes. 16.04.2021 |
El tiempo
viernes. 16.04.2021
El tiempo

Desigualdades

Mentres unha ‘influencer’ de moda publicita un bolso de 50.000 euros, só en Europa se contabilizan a día de hoxe 122 millóns de pobres

LEO EN CERTAS crónicas diarias que a parella (‘influencer’, disque) dun coñecido futbolista posou, en plan publicidade e negocio, cun bolso de crocodilo valorado en máis de 50.000 euros. E ao mesmo tempo cae nas miñas mans un informe que asegura, con datos ben contrastados, que 4.000 millóns de seres humanos sofren malnutrición e 2.000 millóns destes subalimentación, sendo ademais que 800 millóns padecen fame real directamente e 25.000 persoas morren de fame cada día.

O certo é que vivimos nun mundo de desigualdades económicas, sociais, educativas, de xénero e legais, entre outras. Vaia unha referencia. Oxfam Intermon deu conta non hai moito do seguinte dato: o 82% da riqueza do planeta concéntrase no 1% máis rico da poboación mundial. Sobran as palabras. E, aínda por riba, o modelo neoliberal vixente propende, máis ou menos sutilmente, a criminalizar a pobreza e a miseria. Xúlgueno vostedes. ¿Acaso os cárceres non estiveron e seguen a estar ateigados sempre de xente pobre? Diversos estudos realizados sobre o tema coinciden en trazar un perfil coincidente no amplo segmento das persoas condenadas a prisión: situación social precaria, baixa ou nula escolarización e filiación en ámbitos de exclusión e de vulnerabilidade extrema.

O sociólogo británico Anthony Giddens non dubida en afirmar que existe unha clara estratificación social, e esta pode definirse como o conxunto das desigualdades estruturais que existen entre diferentes grupos de individuos. A fenda entre ricos e pobres, como é ben notorio, amplíase continuamente. No que atinxe á educación vemos como os fillos dos ricos teñen acceso doado e inmediato á mesma, mentres máis de 262 millóns de nenos no mundo non están escolarizados. E no tocante á saúde as estatísticas sinalan que máis de 10.000 persoas perden a vida diariamente por non poder facerlle fronte aos gastos derivados da atención médica.

Mentres a ‘influencer’ de moda, como diciamos ao comezo deste artigo, publicita un bolso de 50.000 euros, só en Europa se contabilizan a día de hoxe 122 millóns de pobres, e a desigualdade en todas as súas dimensións esténdese como unha mancha de aceite. Desigualdade internacional e global. O Estado español é un dos máis desiguais da Unión Europea. E poñamos os ollos no denominado "corno de África" ou na rexión do Sahel. As desigualdades crecentes no mundo como unha forma de cancro permanente.

Desigualdades
Comentarios