Opinión

Dereitos humanos

Thomas Jefferson na Declaración de Independencia dos Estados Unidos, asinada en 1776, afirma con claridade que "os homes son creados iguais" e que posúen dereitos inalienábeis, entre os que están a vida, a liberdade e a procura da felicidade. Máis dunha década despois, a Asemblea Nacional Constituínte Francesa (1789) aproba a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, e fica todo moi claro: "Os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos" e "a finalidade de toda asociación política é a conservación dos dereitos naturais e imprescritíbeis do home: a liberdade, a propiedade, a seguridade e a resistencia á opresión". Despois, xa no século XX, virían a Carta das Nacións Unidas (1945) e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948). Esa é a historia. Mais a día de hoxe os "dereitos humanos", en toda a súa extensión —digámolo con toda claridade—, seguen a ser un obxectivo pendente ou, dito doutra maneira, ‘papel mollado’ ou só cheo de promesas.

Existen líderes políticos que alentan o odio, permiten a desigualdade e o sufrimento en determinadas capas da poboación

¿Cantos países do mundo cumpren a Declaración Universal dos Dereitos Humanos? Máis de 70 anos despois desta declaración, a fame, a pobreza, a explotación, a falta de liberdade plena, a desigualdade e o racismo, entre outras lacras, seguen a estar vixentes en medio mundo, e tamén nos países que, pomposamente, se consideran "avanzados". A día de hoxe, como é ben notorio, existen numerosos líderes políticos que alentan o odio, negan os dereitos, permiten a desigualdade e o sufrimento en determinadas capas da poboación e ignoran mesmo os crimes contra a humanidade. ¿Acaso non se están producindo, no noso tempo, e no ámbito español e europeo tamén, violacións continuadas dos dereitos económicos, sociais e culturais da cidadanía? 

Hannah Arendt referiuse no seu día ao "dereito a ter dereitos", e aí conclúese que os dereitos humanos participan ou dependen plenamente do político e do social; e dun marco legal, madia leva, propiciado por unha acción do Estado ou dunha nación constituída. Os dereitos humanos, como se ten afirmado —velaí a socióloga peruana Carmela Irigoyen—, son a concreción dunha teoría da xustiza: considerar os individuos como o centro de toda moral, estimar que todas as persoas deben ser tratadas como iguais e observar estes dereitos como universais. E todas as administracións, todas as políticas públicas, deberan respectar, protexer e garantir os dereitos humanos. Democracia completa.

Comentarios