Opinión

Democracias a mellorar

Mellorar a democracia debera deixar de ser un reto para se converter nun proceso ascendente a culminar nunha forma de democracia real

TEN RAZÓN Serge Halimi cando di que o sistema democrático francés, francamente "incompleto" no que atinxe á representatividade, está a agudizar o desencanto xeral mentres medra o descontento dos cidadáns. Como di o xornalista e doutor en Ciencias Políticas pola Universidade de Berkeley, Emmanuel Macron será presidente cando un 56% dos franceses considera que o seu balance é malo, un 69% cre que a situación do país se ten deteriorado nos últimos cinco anos, un 51% estima que o seu programa político é "perigoso" e un 72% valora que este serve sobre todo para satisfacer os intereses dos privilexiados. Tiren vostedes as súas debidas conclusións. Mais Montesquieu, alá polo século XVIII, xa sinalaba que o método democrático debía evitar a desigualdade no máis amplo sentido, porque corre o risco de chegar a construír gobernos nos que non todos están representados.

O certo é que as democracias existentes, cando menos no noso ámbito máis próximo, teñen unha ampla marxe para mellorar a súa condición, as súas circunstancias e o seu funcionamento. E, por suposto, tamén no caso da democracia española, pois ben se sabe que se falamos de corrupción, tan presente aquí e agora, a que chega aos xulgados —lembrábao non hai moito o maxistrado Joaquim Bosch— só é a punta do iceberg. Vexamos. ¿Son transparentes as administracións en todo o que atinxe aos casos de corrupción? ¿Renden contas pormenorizadas os distintos gobernos de todos os gastos realizados con fondos públicos? ¿Funciona a xustiza con dilixencia e con eficacia? Nun sistema democrático a resposta positiva a estas preguntas debera ser moeda corrente. Mais isto non acontece.

E tanto é así que o semanario The Economist cualificou a democracia española como "defectuosa", cando naquela altura xa se cumpriran máis de mil días co mandato caducado dos 21 representantes do Consejo General del Poder Judicial. A día de hoxe, con escándalos políticos e de corrupción a esgalla, o goberno da xudicatura segue sen renovarse e a indignidade institucional do CGPJ resulta patente, algo que denuncia semana tras semana a asociación profesional Juezas y Jueces para la Democracia.

Mellorar a democracia que vivimos debera deixar de ser un reto ou desiderátum para se converter nun proceso ascendente a culminar nunha forma de democracia real: libre de perversas inxerencias económicas, e outras, no ámbito político.

Comentarios