Opinión

Democracia en perigo

Afirma o xuíz Joaquim Bosch, portavoz no seu día de Jueces para la Democracia, que a situación producida en España no referente ao Tribunal Constitucional, ordenando parar a tramitación dunha lei, non ten precedentes en ningún país europeo. E José Antonio Martín Pallín, que foi fiscal e maxistrado do Tribunal Supremo, non dubida en concluír que, dadas as circunstancias, o Tribunal Constitucional ten prevaricado, pois a invasión da autonomía das Cámaras lexislativas, "interferíndose na orde do día e nos trámites parlamentares, non ten precedentes en ningún sistema democrático, non somente da Unión Europea senón doutros moitos países, incluído o Reino Unido, que é o berce do parlamentarismo".

Visitamos as páxinas da prensa internacional, dende o Washington Post ao The Guardian, pasando por axencias como Bloomberg, a alemá RND ou mesmo a turca Abadolu, entre outros moitos medios, e vemos como sinalan, en titulares e serios artigos de opinión, que en España existen xuíces que incumpren a Constitución flagrantemente, e falan sen ambaxes de golpe contra a democracia ou de que o Consejo General del Poder Judicial español está secuestrado pola dereita política.

Eu lembro perfectamente, por citar un caso ben rechamante, que cando o maxistrado conservador Enrique Arnaldo, hai pouco máis de un ano, foi aprobado en votación polo Congreso para ocupar unha praza no Tribunal Constitucional, o diario The Irish Times xa tiña falado naquela altura dun candidato escandaloso e xa se facía eco de que tal pragmatismo na polémica elección parlamentaria non só danaba "a xustiza española, senón tamén a autoestima da democracia". Moi poucos –entre os deputados mesmo da banda da esquerda– souberon ver, no fondo, a verdadeira xogada política que aí se producía e o futuro, penoso, asociado a ela.

Máis de un estará de acordo, ou non, coa maxistrada Natalia Velilla cando, hai xa uns meses, titulaba o seu artigo xornalístico Jueces y democracia: ¿un sistema en peligro?, no que advertía que tal vez a democracia sexa o único sistema político que é capaz de se autodestruír cos seus propios mecanismos legais. Mais iso, aínda que así fose, a cidadanía democrática non debe permitilo. As mazás podres do golpismo político-xudicial deben ser quitadas e afastadas de vez. Con boa visión, clara intelixencia e firmeza de carácter precisamente democrático.

Comentarios