Opinión

Crime e espectáculo

ASISTIMOS HOXE, moitas veces impávidos, á superinformación sobre crimes e sucesos tráxicos que, particularmente nas canles televisivas, son tratados como puro espectáculo ou directamente como produto comercial. É máis, xa existen canles televisivas por cable especializadas en criminalidade que realizan unha ampla e continuada oferta ao respecto.

Pouco tempo despois do crime de Alcàsser, a presidenta do Consello Audiovisual de Andalucía, Enelina Fernández, non dubidou en recoñecer que o tratamento informativo do triplo homicidio (máis ben feminicidio) tiña suposto un punto de inflexión na televisión española, porque por primeira vez se abordaba un caso informativo sobre un crime dende "un enfoque sensacionalista e escabroso", traspasando "algúns límites éticos do xornalismo". Nacía aí, coas televisións privadas en primeira liña, unha tipoloxía informativa que tiña por norte atinxir a máxima audiencia e, consoante a iso, os máximos beneficios económicos.

Na actualidade, 27 anos despois do asasinato das tres adolescentes de Alcàsser, o espectáculo do telelixo sobre crimes e traxedias está perfectamente asentado, establecido e actualizado

Na actualidade, 27 anos despois da desaparición e asasinato das tres adolescentes de Alcàsser, o espectáculo do telelixo sobre crimes e traxedias está perfectamente asentado, establecido e actualizado. Ou dito doutro xeito: a obscenidade impúxose. O tratamento informativo do crime tense convertido nos últimos anos en espectáculo televisado, porque xa non se trata de informar verazmente sobre o acontecido senón de crear un contido audiovisual "atractivo" que capte e domine a atención do público. E aí hai puro negocio. Cando o morboso se converte en cotiá. Cando a noticia de corte sensacionalista, como ben apunta a profesora Stella Martini, constrúe un relato que é unha versión espectacularizada da realidade.

O certo é que o espazo mediático, a través principalmente do medio televisivo, ofrece violencia en formato de espectáculo, creando así na audiencia unha sensación primaria de morbo e de temor, o que acaba xerando tamén desinformación, porque finalmente só interesa o rating e a rendibilidade comercial do produto televisivo. E isto só se consegue naturalizando a violencia e, nalgúns casos, banalizándoa mesmo. Os crimes convertidos en simple espectáculo público. As traxedias individuais e sociais narradas a ritmo de docu-soap ou de reality show. Entre crimes de exhibición interesada, tertulianos expertos en todo e deontoloxía polo chan, a televisión acaba sendo unha fábrica de esterco.