Opinión

Creación artística en Carballo

Dicía Héctor Fiorini, psiquiatra e psicanalista arxentino, autor dun libro titulado ‘O psiquismo creador’, que hai que facer falar aos artistas: "Hai que fornecerlles teoría para os seus rexistros e hai que coñecer as súas propias teorías". E isto, sobre todo, tendo en conta que o artista, nunha primeira fase do seu oficio, vive unha etapa de crecemento, de afirmación e reafirmación, de exploración e coñecemento da realidade, de visión profunda do seu mundo interior e de vivencia e comprensión do mundo externo e vital. O espazo da creación artística, sempre en transformación, moitas veces incerta, bascula —engade Fiorini— entre "o que é e o que podería ser", e aí transparéntase un estado de transfiguración, de simbolización, de indagación radical.

Ou dito doutro xeito: é fundamental que os artistas se expresen, tamén no plano verbal e persoal, proxectando o seu propio pensamento, e que se produza o intercambio de impresións e de ideas, discusión creativa e análise crítica, para irmos, artistas e nós, máis alá do inmediato, tópico ou epidérmico. E isto foi o que me aconteceu a min, por exemplo —desculpen a cita propia—, co artista carballés Santiago Picos. Este pintor, debuxante e gravador de Carballo, ten unha man extraordinaria para o debuxo, para a "liña específica" da composición figurativa, sempre minuciosa no uso da tinta chinesa en punta fina, mais tamén navega o artista nas augas dunha particular fantasía surrealista, e explora, tamén dende un certo neosimbolismo, camiños formais e técnico-expresivos de alto interese estético. Santiago Picos, aínda novo en vida e en oficio, é un artista con maiúsculas. 

Do mesmo xeito que o é outro artista carballés, inmenso e altamente substancial e categórico na súa, por desgraza, curta e intensa traxectoria creativa e vital:  Alberto Gende (1972-2012). O Concello de Carballo, cando se cumpre unha década do seu pasamento, organizou unha magnífica exposición sobre o seu legado artístico, un feito que debera ser obxecto de atención non só na Galiza toda, senón aínda fóra dela. Alberto Gende, tamén obxecto dun libro extraordinario que resume, en máis de 300 páxinas, a súa obra no tempo, confírmase como un dos máis grandes deseñadores gráficos galegos contemporáneos, e recoñécese como artista compositivo de formas (maxistral no collage) e como pintor de materia pura que nos deixa a tremer de admiración.

Comentarios