Opinión

Clubes de lectura

Os clubes de lectura, constitúen, entre tanta ignorancia promovida, un auténtico reservorio da esperanza

EXISTEN BIBLIOTECAS públicas que teñen até dez clubes de lectura funcionando no seu seo. En moitas librarías tamén se organizan clubes de lectura que convocan o seu acto colectivo con éxito máis que notábel. O mesmo que ten lugar en asociacións culturais, e en asociacións de veciños e centros cívicos, que ceden espazos para a celebración sistemática de círculos de lectores e lectoras que planean e levan a cabo a lectura regularizada de libros de xeito conxunto. O auxe dos clubes de lectura é un feito. A experiencia individual de ler convertida en acto social e xenérico, nun encontro de persoas que len e que celebran o feito literario coa palabra por diante, intercambiando ideas e perspectivas de pensamento, debatendo sobre as obras literarias en si, os contidos e os temas, e sobre estéticas, estilos e todo tipo de peculiaridades que presentan os textos.

Sen dúbida, os clubes de lectura, e particularmente aqueles nos que participan persoas adultas, gozan na actualidade dunha excelente saúde e ocupan numerosos espazos constituíndo unha rede crecente de interacción cultural entre lectores que manteñen unha aposta común polo acto de ler. E eu teño para min que nunha sociedade que canoniza o banal até convertelo en paisaxe diaria ou, como diría José Saramago, en enorme escenario, en "enorme show", a lectura pasa a ser un espazo de resistencia, de creatividade e de liberdade, fronte ao espectáculo de todas as trivialidades que vivimos.

Cando, como ten expresado Eduardo Galeano, a cultura e a política se teñen convertido en obxectos de consumo e os presidentes se elixen por televisión, como os deterxentes, e os poetas pasan a cumprir unha función decorativa, teñen lugar tamén reaccións intelixentes e imaxinativas que combaten a banalidade en marcha e a frivolidade rampante. E velaí os clubes de lectura, que florecen como cogomelos e que se mostran como unha forma de oposición a unha epidemia global de banalización programada que impón a vulgaridade e a medianía e que crea unha interesada confusión para que non se poida distinguir o xenuíno do falso ou adulterado.

Os clubes de lectura, a miúdo formados maioritariamente por mulleres, constitúen, entre tanta ignorancia promovida, un auténtico reservorio de esperanza, de ‘produto interior culto’. Ou dito doutro xeito, a lectura como fiestra aberta para unha revolución necesaria e pendente.

Comentarios