Opinión

Civilización

¿Que acontece coa denominada ‘civilización’, entendida esta dun xeito global e tal como se viña considerando, non sen certa frivolidade, nos países ‘líderes’ ou ‘ricos’, digámolo así, do planeta? ¿Que acontece co cambio climático, coa degradación medioambiental, as desigualdades de toda caste e os diversos tipos de violencia crecentes? O secretario xeral das Nacións Unidas, Antonio Guterres, acaba de criticar severamente os lucros excesivos, ‘inmorais’, das grandes empresas petrolíferas e do gas, que están a obter beneficios ‘récord’, di o enxeñeiro físico portugués, ‘no dorso dos máis pobres’; é dicir, á conta das poboacións e das comunidades máis humildes e desamparadas. ¿Pode unha verdadeira civilización, ou ‘civilidade’, permitir semellantes lucros a todas luces abusivos e exorbitantes?

O sociólogo Gabriel Cohn, diante dos resultados dun proceso de construción civilizatoria en boa parte falido ou fracasado, non dubida en afirmar que vivimos un momento de barbarie. E dio con toda dureza e claridade. Porque civilización, sostén o doutor, é o contrario da ‘indiferenza estrutural’ que hoxe impera: civilización é exactamente a atención ao outro, e a indiferenza social e individual que se impón na actualidade é unha forma de barbarie.

Temos noticia de que as mariscadoras galegas, organizadas en diversas entidades e representadas na Asociación de Mulleres na Pesca, están a alertar dunha baixada de produtividade das rías  galegas, o que pon en perigo a rendibilidade para centos de familias que viven da actividade marisqueira. E isto é un drama que pode acabar en traxedia. Numerosas confrarías das Rías Baixas falan, con números na man, dunha caída brutal das capturas de ameixa e berberecho. As rías  galegas, tamén afectadas polo cambio climático, comezan a padecer serios problemas de saúde. ¿É civilizado permitir, dende as esferas políticas responsábeis, a degradación medioambiental?

Á luz do que acontece, cada vez fica máis claro que o progreso material e técnico producido, sen dúbida, pola civilización —democraticamente defeituoso—, non sempre reporta máis civilización: pois acaba subverténdose a si mesmo. E asistimos á privatización dos recursos naturais, ao dominio (control) das novas tecnoloxías e, como advirte Robert Kurtz, á colonización e mercantilización de diversos aspectos da vida humana. ¿Civilización real? ‘Quasi niente’.

Comentarios