Opinión

Celebración da poesía

O pasado 21 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera —toda unha revolución no noso ciclo cósmico e vital—, celebrouse o Día Mundial da Poesía, unha festividade proclamada pola Unesco no ano 1999 para conmemorar as diferentes expresións e identidades lingüísticas da humanidade a través dun xénero literario practicado ao longo da historia en todas as culturas e en todos os continentes do planeta. O poema máis antigo do que se ten constancia histórica é o Poema de Gilgamesh, de autoría anónima e localizado en Sumeria no III milenio antes da nosa era, e ben se sabe que o que denominamos ‘poesía lírica’ —toda unha gran tradición no mundo occidental— ten a súa orixe entre nós na Grecia do século VII antes de Cristo.

O certo é que a poesía —sostíñao José Ángel Valente— é un medio de coñecemento da realidade, unha vía que nos permite ampliar os nosos horizontes no plano existencial para acceder a outra intelixencia, outro discernimento ou, digámolo tamén, outra razón. A filósofa María Zambrano, altísima autoridade en materia poética, observa que a poesía descende a diario sobre a vida, e tan acotío realiza esa operación que moitas veces se confunde coa propia vida. Tal vez por iso César Vallejo, o peruano de Santiago de Chuco e poeta eterno, definía a poesía como unha oración verbal da vida.

E esa ‘oración verbal’ da vida e do mundo, a ‘posibilidade de dicir o imposíbel’ (Ricardo Piglia), sentímola ben viva estoutro día na capital de Bergantiños, onde a voz de catro poetas e a música do grupo musical carballés Chicharrón souberon ‘elevar’ a celebración do Día Mundial da Poesía. Sen dúbida, Bergantiños e a Costa da Morte son patria e matria poética de indubidábel transcendencia, pois só hai que citar a Eduardo Pondal, poeta fundador por excelencia dunha era literaria, ou acudir aos nomes luminosos de López Abente ou Paco Souto, sen nos esquecer da realidade poética que significou no seu día, hai máis de 25 anos, a aparición do Batallón Literario da Costa da Morte.

En Carballo estiveron recitando os seus poemas Diego Cousillas (Malpica), Natalia Lema (Vimianzo), Ainhoa Conde (Cee) e Raúl Herrera (Carballo), e á súa admirábel voz poética uniuse a música excepcional de Chicharrón, grupo formado por Alberto Vecino, Mara Pérez e Rosalía Fernández Rial, esta última tamén extraordinaria poeta. E produciuse (Pimentel) o grande milagre do mundo.


 

Comentarios