jueves. 28.01.2021 |
El tiempo
jueves. 28.01.2021
El tiempo

Carvalho segundo Rabuñal

Que sería de nós sem aquel escocés, Thomas Carlyle, que fixou con sabedoría o xénero biográfico como primordial para coñecermos, ademais da vida, o pensamento

Ben sabemos nós que Henrique Rabuñal, doutor en Filoloxía e catedrático de Lingua e Literatura galegas, é poeta, narrador, dramaturgo e ensaísta de fuste -escritor principal, da base ao capitel-, cunha longa traxectoria como creador literario que supera xa os 35 anos e que contén títulos como Textos e contextos do teatro galego (1994) ou O cristal da sede; recompilación, este último, da obra poética do autor á altura de 2006. Mais Rabuñal, sempre esixente nas súas textualidades —cohesión e coherencia—, brilla especialmente, aquí e agora, no xénero da biografía, categoría literaria esta que, como defendía Jacques Le Goff, lonxe das abstraccións, se amosa famenta de realidades concretas. E que sería de nós sen aquel escocés, Thomas Carlyle, que fixou con sabedoría o xénero biográfico como primordial para coñecermos, ademais da vida, o pensamento, enviado ao mundo, das grandes figuras devanceiras.

Henrique Rabuñal, sen dúbida, soubo interpretar os clásicos e deunos biografías espléndidas de Murguía, Marinhas del Valle, Sarmiento, Lugrís Freire e Xosé María Álvarez Blázquez. Mais agora, da man da Editorial Galaxia, sorpréndenos cunha extraordinaria biografía de Ricardo Carvalho Calero subtitulada O anxo da terra —os anxos son eternos, di Rabuñal—, celebrando así o libro de poemas de Carvalho, Anxo de terra, publicado en Pontevedra no ano 1950. E un, despois da lectura da biografía de Carvalho por Rabuñal, chega a sentir aquilo que tamén sentiu no seu día Marcel Schowb, que dicía —e nós aplicámolo ao polígrafo ferrolán— que as ideas dos grandes homes son patrimonio común da humanidade.

Na presente obra biográfica, o profesor Rabuñal leva a cabo unha operación que se constitúe en si mesma nun contrato de verdade que debe revelarse, por seguirmos a idea do epistemólogo François Dosse no seu inestimábel estudo A arte da biografía. Rabuñal sitúa a personaxe de Carvalho (1910) no Ferrol Vello, a patria da súa nenez, e proxéctaa logo na Compostela universitaria para despois percorrer a estadía na guerra, o compromiso republicano de don Ricardo e a súa liberdade condicional despois de se liberar da mortal gadoupa fascista. E chegamos aos 'quince anos en Lugo" que Carvalho viviu como unha forma de esperanza. Rabunhal estuda toda a súa vida posterior e a súa inmensa obra literaria e lingüística. Maxistralmente. Un libro de obrigada lectura.

Carvalho segundo Rabuñal
Comentarios