Opinión

Carvalho Calero 2021

UNHA BOA parte da sociedade galega, a través de diversas asociacións culturais, institucións e colectivos varios, propúxolle nos últimos días á Real Academia Galega que, dada a imposibilidade, por mor da pandemia que sufrimos, de celebrar como sería xusto e debido a figura de Ricardo Carvalho Calero, tiver a conmemoración prevista continuidade no tempo para festexarmos a figura e a obra do gran polígrafo ferrolán no ano 2021. E somos moitos e moitas os que pensamos que, despois de 30 anos do seu pasamento, o autor da aínda non superada ‘Historia da literatura galega contemporánea’ ben merece un trato académico e social á altura da súa importancia literaria, intelectual e cultural.

Sen dúbida, a cultura galega vive na actualidade unha ‘caída’ moi acusada, nalgúns eidos gravísima, debido á Covid-19, e esta situación fatalmente extraordinaria impediu levar a cabo toda a programación prevista —acto oficial da Academia encadrado no 17 de maio, véxase aí— para homenaxear o sobranceiro escritor. Todos os actos literarios presenciais, toda a actividade en escolas e colexios, por cinguírmonos a estes espazos de intervención, non puideron ter lugar, e o Ano Carvalho Calero ficou moi danado ou afectado en toda a dimensión necesaria e equitativa ao respecto de outras celebracións anteriores. Ben é certo que se a realidade da pandemia o permite —irase vendo a situación sanitaria e de seguridade vital no futuro— poderíase recuperar o acto central celebrativo do DLG no outono, mais aínda así ficaría todo minguado, dada a importancia literaria e o carácter poliédrico da figura de Carvalho.

O autor ferrolán, despois de tantos anos postergado pola RAG, precisa máis visibilización e recoñecemento xeral por parte da sociedade galega. Non son suficientes as ‘redes’, o mundo virtual online, porque ben sabemos que este en Galiza, por desgraza, aínda é moi limitado e non permite suplir con eficacia os actos escolares numerosos, as actuacións presenciais diversas e o eco ‘in crescendo’ que durante todo o ano se produce nos medios de comunicación e no seo da sociedade. Ou dito doutro xeito, a figura de Carvalho Calero, fundamental na historia da cultura do século XX, precisa ser socializada en toda a súa extensión polo pobo galego. Con todos os honores. Coa máxima atención e dedicación. Non facelo sería un erro. E un desleixo. O 2021 témolo aí agardando.

Comentarios