Opinión

Calidade e degradación

Ben se puido comprobar recentemente como o deseño político-cultural, e tamén empresarial, e simbólico, da España dominante, caía unha vez máis —porque estase a converter xa en ‘esencia’— no esperpéntico, no grotesco e no irrisorio. Non temos máis que referirnos ao denominado Benidorm Fest para descubrirmos unha montaxe que, alén do negocio establecido, nos traslada a representación dunha trangallada («diversión ou festa improvisada e desordenada», RAG) sen paliativos.

Mais isto, tan propio da España que segue a ser machadianamente de «charanga, vieja y tahúr», non só tivo lugar estoutro día no festival da coñecida como a ‘Nova York do Mediterráneo’, pois vén sendo habitual neste tipo de espectáculos e noutros semellantes —véxanse aí, por exemplo, varios formatos televisivos triunfantes— que fan gala de formas e fondos groseiros ou choqueiros, o que demostra un nivel cultural máis que deplorábel.

O denominado Xurado Profesional do Festival de Benidorm, coa excepción de Felix Bergsson e Marvin Dietmann, os dous representantes non españois no mesmo, retratáronse elixindo unha canción gañadora cunha letra en ‘spanglish’ que, ademais de ser mostra dunha pésima calidade no plano lingüístico e compositivo verbal, pon vermello o rostro de calquera. Don Ramón María del Valle-Inclán falaría directamente de esperpento.

Ritmos e melodías básicas, imitacións pedestres, letras simples e mal escritas, desafinamentos nas interpretacións e estruturas compositivas de inusitada pobreza

Segundo os cálculos, das 424 palabras que contén a canción, 187 termos da mesma están en inglés, o que supón un 44,1% do total, vulnerando así as bases polas que se regula o propio Festival, que indican que as letras dos temas musicais non poden superar o 35% nun idioma diferente do castelán ou das linguas cooficiais no Estado español. Mais todo vale. A chafallada, o traballo sen xeito, sen coidado, sen arte e sen gosto está á orde do día. E a calidade das obras e dos feitos non cotiza como valor fronte á mercadoría da degradación.

En dito festival asistimos á animación da mediocridade. Ritmos e melodías básicas, imitacións pedestres, letras simples e mal escritas, desafinamentos nas interpretacións e estruturas compositivas de inusitada pobreza. Mais sempre hai excepcións. Dous ou tres temas superaron o marasmo e a pequenez reinantes. E houbo un que deu unha lección de enerxía e extraordinarias voces, como a viren das entrañas da terra rubindo cara ao ceo. Gañaron, contra a iniquidade do xuri hispano, o voto do público. Tanxugueiras.

Comentarios