domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

Bulos contra a democracia

A palabra ‘bulo’ en galego non existe, e deberíamos utilizar no seu lugar embuste, falseamento ou directamente dolo (trampa) para aproximármonos ao significado de bulo en cuestión, que en idioma caló, que de aí procede, ten o significado de porcallada, e que entendemos hoxe en día tamén como noticia falsa, mendaz, propia da mente dun ‘porco sujo’, que é unha das formas que en Portugal teñen para amentar o demo. En inglés utilizan a palabra ‘fake’, e de aí falsificar, contrafacer ou directamente mentir. Mais tamén existe o anglicismo ‘hoax’, especializado este expresivamente nunha falsidade articulada para ser difundida de xeito masivo e crecente a través da internet e de certos medios de comunicación orais ou escritos que se fan eco do bulo en progresión.

Xa o noso poeta medieval Airas Nunes, referíndose á sociedade existente na súa época (século XIII), nos daba conta de que «no mundo minguou a verdade», mais se vivise hoxe, na ‘pell de brau’ actual, ficaría moi curto o noso trobeiro no seu poema-denuncia e levaría as mans gravemente á cabeza. Aquí e agora, e en boa parte do mundo no que vivimos, a verdade cotiza moi á baixa e a mentira vive un momento de máximo esplendor. A Donald Trump contabilizáronlle arredor de 20.000 mentiras da súa autoría —o home acabou animando un golpe de estado contra a democracia— e os seus alumnos de extrema dereita espallados por todo o planeta vibran cada día coas ‘fake news’ que se fabrican de xeito interesado para socavar a existencia do modelo político democrático.

Porque practicamente todos os bulos, mentiras e infundios que se propagan hoxe a través das redes sociais, e doutros medios que seguen o seu ronsel, teñen como fin desestabilizar a democracia. Nunca Joseph Goebbels, ministro para a Ilustración Pública e Propaganda do Terceiro Reich, estaría tan satisfeito. Dende a noticia falsa sobre a autoría de ETA no atentado do 11-M de 2004 difundida polo Goberno de José María Aznar, cando xa se coñecía a autoría yihadista, os bulos non deixaron de medrar. ¿Lémbranse vostedes do bulo, e pura campaña de desprestixio, difundido contra o doutor Luis Montes no ano 2005? Daqueles pos veñen as lamas que imperan no presente.

Se triunfan os bulos, se gaña a infoxicación, perde o xornalismo e a democracia. Se aceptamos a ‘bulocracia’ que trata de se impor no presente, a morte da verdade acabará sendo a única verdade.

Bulos contra a democracia
Comentarios