Opinión

Bélica frivolidade

Mario Benedetti advertía de que a frivolidade no mundo contemporáneo se ten infiltrado nas capas máis profundas da conducta humana

VIVIMOS nas últimas semanas nunha encrucillada de noticias e informacións multiplicadas sobre unha posíbel guerra en Ucraína, provocada por unha prevista ou suposta invasión militar rusa que vai ter lugar tal día e a tal hora, segundo anuncian os oficiais oráculos parlantes. E abren a información os informativos das televisións europeas occidentais con imaxes de operacións de guerra ao vivo -manobras militares vestidas dun realismo da inmediatez- como se non houbera outra posibilidade, pois a guerra e as súas formas inminentes -que ninguén se esqueza que toda guerra é sempre terror e morte de inocentes- resultan atractivas para unhas pantallas televisivas que exhiben a mercadoría dun espectáculo que, á par que excita as máis baixas e escuras paixóns dunha parte do público, acaba por ser pura substancia expansiva de poderes dominantes e decantado negocio establecido.

A maquinaria da frivolidade, da bélica frivolidade, está servida. A pleno rendemento. E os motores da propaganda botan fume. Un amigo meu que vive en Kiev, capital da Ucraína, dime, coa máxima tranquilidade expresiva, que a vida que se vive e se respira nas rúas da vella cidade que foi asentamento na gran ruta comercial entre a Escandinavia e Constantinopla, é completamente normal, e ninguén expresa temor ningún a un ataque inminente de tropas rusas, armadas segundo altos dirixentes da Otan, até os dentes, e dispostas a unha incursión máis que cantada.

Eu lembro a un Mario Benedetti, a quen recoñezo máis como prosista que como poeta, que nos advertía de que a frivolidade no mundo contemporáneo se ten infiltrado nas capas máis profundas da conduta humana, chegando, a través da instalación do engano e da hipocrisía, a se converter nunha caste de superficialidade de carácter criminal. E isto, descúlpenme vostedes, coido que é o que está a acontecer nunha ampla maioría das informacións occidentais, con raíz nos EE.UU., no que atinxe á Ucraína e á "kermesse" informativa instalada no que eu denomino bélica frivolidade.

¿Tómase tan á lixeira unha eventual guerra entre Ucraína e Rusia, que involucraría ás potencias, incluída España, occidentais? ¿Temen os EE.UU. e os seus satélites-títeres un entendemento comercial entre Alemaña e Rusia? As preguntas son infinitas, mentres os tambores de guerra, tan obscenamente golpeados, perturban de xeito indecente a nosa realidade do día a día.

Comentarios