Opinión

Arte e compromiso

VELLO TEMA este que regresa sempre ao comentario e ao debate. E en tal tesitura caeu nas miñas mans a publicación da conferencia 'Literatura y sociedad en Hispanoamérica' (1968), do colombiano Rafael Gutiérrez Girardot, un texto no que se visualiza que a torre de marfil do poeta, como "espléndido illamento", é a imaxe do individuo que, con conciencia de si mesmo, se afasta ou distancia da sociedade. O propio Girardot, filósofo e excelente crítico literario, nos perturba -e nós vémonos nos tempos de hoxe- cando lembra a premonición de Walter Benjamin sobre o fascismo e relata, ao fío diso e tamén nun plano temporal, que no proxecto político do artista encóntrase a xustificación adiantada dunha actitude que dispuxo ás ditaduras hispanoamericanas do século XX a imitaren a monumentalidade estetizante dos totalitarismos europeos.

¿Que proxectos artísticos están a levar a cabo hoxe as nosas e os nosos creadores na Europa que vivimos ou, aquí mesmo, na Galiza que habitamos? ¿Existe na actualidade unha conciencia artística, nos creadores e no público, que contemple, xa non só a historia que lles puider afectar, senón a realidade transcendente ou penetrante, tantas veces dolorosa, que nos toca vivir? Existen, obviamente, exemplos diversos, mais tamén se observa, aos poucos, unha tendencia xeral dominante ou, digámolo así, frecuente.

Eu acredito na idea de Romero Moscoso, exposta no seu ensaio titulado '¿Qué era el arte contemporáneo?', cando expresa que a arte actual -e aí tamén incluímos a poesía- ten atinxido a consolidación dun espazo de coñecemento no que sinala e advirte sobre instancias do devir social que encontran un lugar de pensamento e reflexión distinto ao doutras estruturas que se ocupan do estudo do propiamente social, como realizan, así resulta obvio, as denominadas ciencias sociais. Ou dito doutro xeito, ben aclarado polo profesor e artista colombiano: "A arte pensa as tensións sociais de maneira independente".

¿E que pensan, e como actúan realmente, no gume do tempo que vivimos os artistas? Sempre existen excepcións. Mais predomina a indiferenza con respecto ao plano social que lle afecta indefectibelmente á creación artística. Triunfa a displicencia fronte á realidade. Gaña unha interesada neutralidade (que tamén é política) fronte ao discorrer do mundo. E un lémbrase de Frank Uwe Laysiepen: "A estética sen ética é cosmética".

Comentarios