Opinión

Arcadio López-Casanova

AFIRMABA O FILÓSOFO francés Vladimir Jankélévitch que a morte forma parte da nosa condición vital, e que podemos definila como ‘o medio de vivir e o impedimento de vivir’. Mais diante da morte, e particularmente diante da morte de amigos ou de seres queridos, próximos ou admirados —velaí Paco Pestana, Darío Xohán Cabana e Xulio Maside nos últimos días e semanas—, eu síntome máis en sintonía con aquel Jean-Paul Sartre existencialista que consideraba que era preciso termos en conta, en primeira instancia, o carácter absurdo da morte, e que toda tentación de considerar esta como un acorde de resolución no remate dunha melodía —neste caso dun ritmo ou concerto vital— debía descartarse rigorosamente.

E esta é a sensación, o sentimento expreso, que moitos experimentamos, agora mesmo, diante do pasamento, diante da desaparición física súbita de Arcadio López-Casanova. Mantiña eu con el conversas por vía electrónica e telefónica con certa frecuencia, maiormente sobre temas literarios e culturais, e estaba mesmo a piques de lle realizar unha chamada ao seu número de celular cando me chegou, como un lóstrego xordo nunha mensaxe escrita, a noticia fatídica do seu falecemento. Non podía ser certo. A morte, a idea de morrer, como diría o profesor Robert Lanza, da Wake Forest University School de Medicina, é algo que se nos ten ensinado a aceptar, mais, en realidade, só existe na nosa mente. Ou dito doutra maneira, e dende unha perspectiva biocentrista, a morte non existe da maneira ordinaria na que é percibida, porque, en realidade, esta non existe como tal. 

Uxío Novoneyra, que vive en moitos de nós, foi tallante ao respecto, invocando o poder dos soños e da beleza, etérea, libertaria, dos paxaros: a morte non é certo. E eu coido que o mestre courelao, seguidor de Rilke, estaría de acordo en lle aplicar a Arcadio López-Casanova o que o poeta alemán establecía para a morte: unha forma de ‘contravida’ ou unha semente dentro da vida e do tempo. Porque é ben certo que o autor de ‘Mesteres’ deixa unha semente, fondamente literaria e lírica, contida na súa obra poética, e un camiño aberto de coñecemento a partir das súas investigacións e estudos, de altísimo rigor, no eido da creación poética galega. O tempo situará, aínda máis, a Arcadio López-Casanova, como poeta e analista do feito poético e literario, nunha superioridade que non terá disentimento.

Comentarios