Opinión

Aprender a igualdade

Pódese afirmar con certa rotundidade que a estas alturas da historia a aprendizaxe da igualdade entre homes e mulleres aínda é un camiño a percorrer no seu xusto e necesario sentido. Recoñecendo os avances que se teñen producido ao respecto, a educación para a igualdade segue a ser unha materia pendente. Algo falla na sociedade cando todos os días observamos en determinados políticos, xuíces, xornalistas e profesionais de diversa índole un preocupante baleiro no que a igualdade se refire, pois priman as posicións patriarcais, fondamente machistas, en todo momento, sendo así que a desigualdade segue a imperar con plena naturalidade, rendida a unha particular esfera masculina dominante entre nós.

A metade da poboación do mundo, hai que lembralo unha e outra vez, son mulleres, e estas, na súa inmensa maioría, seguen a sufrir discriminacións de todo tipo e en todo lugar, sufrindo ademais unha sorte de violencia sistemática asociada –e non só física ou psicolóxica–, o que constitúe un desequilibrio de carácter perverso, pois significa unha grave vulneración de dereitos humanos e unha forma de inxustiza flagrante. Sobra sinalar que os dereitos non deben depender do sexo co que se nace: até non hai moito, non se esqueza isto, as mulleres atopábanse nunha situación de práctica indefensión xurídica, aínda ben nos anos 80 do pasado século.

O artigo 14 da Constitución proclama o dereito á igualdade e á non discriminación por razón de sexo, e tamén se establece a obriga dos poderes públicos de promoveren as condicións para que a igualdade dos individuos sexa real e efectiva. Mais a realidade, no pasar do tempo, indica ben ás claras que isto non se cumpre. Nos centros escolares, por exemplo, nunha ampla maioría, continúan a se producir prácticas varias de carácter sexista, observándose xa estas no propio currículo académico e nos libros de texto utilizados polo alumnado. E unha sociedade verdadeiramente democrática non debera permitir tal anomalía.

Aprender a igualdade significa dotar ao alumnado, e á sociedade en xeral –velaí tamén a xudicatura ou os medios de comunicación–, das ferramentas, da metodoloxía e dos coñecementos necesarios que permitan superar as situacións de desigualdade que vivimos. A extensión dos dereitos da muller, como ben nos ensinou Charles Fourier xa no século XIX (féminisme), é o principio básico de todo progreso social.

Comentarios