martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Agricultura e futuro

TEÑO A sorte de vivir nunha cidade que, entre outras regalías, ofrece a posibilidade de adquirir, todas as quintas feiras de cada semana, produtos para a alimentación que veñen directamente do espazo local, e que chegan ao mercado ben frescos, exhibindo sempre saborosa presenza e coa súa calidade innata. Na mesma localidade teñen lugar dúas feiras mensuais que cadran en domingo e que son un fervedoiro de xénero natural cultivado nas hortas e nos campos veciños, e que un pode mercar directamente ao produtor con confianza e coñecemento, e sen químicas malsás e plastificacións de envoltura de por medio. A calidade de vida no alimentario, sen dúbida, é unha forma de progreso, e a economía do produtor local obtén notas positivas.

En realidade, se nos referimos ás formas de produción agrícola e de alimentación (déixanolo ben claro un pensador da saúde como Jaime Breilh), existen dous grandes paradigmas produtivos, políticos e sociais arredor da agricultura: a agricultura da vida, a agroecoloxía, e a agricultura do negocio a gran escala; a que utiliza de xeito masivo agrotóxicos, fertilizantes de variada gama química e praguicidas, e posteriormente conservantes, colorantes artificiais e todo tipo de aditivos necesarios no proceso de fabricación, procesado, envasado, almacenamento e distribución quilométrica de alimentos dirixidos a un mercado global.

Precisamente Jaime Breilh, que é médico e investigador especializado en "epidemioloxía crítica", conclúe que para saírmos da pandemia que sufrimos é fundamental como ferramenta presente e futura a agroecoloxía. Porque o extractivismo agroindustrial, o uso masivo de agrotóxicos e a produción masiva de alimentos como negocio transnacional favorecen os ciclos pandémicos. É dicir, se queremos unha sociedade organizada contra pandemias futuras teremos que contar tamén coa agricultura. Como di Breilh, debemos promover os catro s da vida: sustentabilidade, soberanía, solidariedade e (bio)seguridade alimentaria integral. E en todo isto o uso da auga e da terra —fóra da lóxica das grandes corporacións— xoga un papel fundamental.

A agroecoloxía xa se considera hoxe unha disciplina científica. Un desenvolvemento agrícola ecolóxico e sostíbel resulta fulcral para o futuro da humanidade. Máis saúde e mellor nutrición. Máis equilibrio e preservación do medio ambiente. Tamén para evitar futuras pandemias.

Agricultura e futuro
Comentarios