Opinión

Adoutrinamento

FALAN ACOTÍO de "adoutrinamento" diversas organizacións políticas de extrema dereita e algunhas entidades ultracatólicas con resonancias franquistas máis que evidentes. E refírense estas a un "adoutrinamento nas aulas", sempre vinculado a contidos lingüísticos diferentes do castelán, a temas de igualdade e violencia de xénero, educación afectivo-sexual ou memoria histórica. En realidade, velaí os feitos, asistimos a unha auténtica 'cruzada' de carácter retrógrado e reaccionario contra a educación democrática e en valores que contemplan de xeito principal e pedagóxico a igualdade e a diversidade. Como diría Valle-Inclán -e aplicándollo nós agora a estes novos 'cruzados' nacionalcatolicistas-, a acción política destes grupos miserables "transforma todos los grandes conceptos en un cuento de beatas costureras", porque "su religión es una chochez de viejas que disecan al gato cuando se les muere".

O certo é que, se falamos de adoutrinamento, tal como fala hoxe a ultradereita fascistoide española, teremos que remitirnos á ditadura de Franco e á súa obsesión adoutrinadora, que tiña como base inculcarlles aos nenos, dende o minuto un, os valores patrióticos, relixiosos e familiares do falanxismo, e velaí senón o denominado Frente de Juventudes, a Organización Juvenil Española ou a Sección Femenina, esta última caracterizada pola propagación do ideal feminino de submisión respecto ao home. "Debemos obedecer sin discutir. Quien manda sabe lo que hace y por qué lo hace. Es más difícil mandar que obedecer. El que obedece no se equivoca nunca".

Na actualidade, xulguen ben vostedes, os fillos e netos ideolóxicos do totalitarismo franquista falan de liberdade de ensino cando tratan, en realidade, de impor o seu catecismo asfixiante e por veces, e en moitos casos, xerador de odio. E resulta curioso, cando menos, que esta cruzada contra a educación moderna e democrática estea dirixida e apoiada por persoas e organizacións políticas que forman parte dunha determinada confesión relixiosa. O director da Cátedra de Teoloxía e Ciencias das Relixións da Universidade Carlos III, Juan José Tamayo, non dubida en afirmar, por exemplo, que co denominado "veto parental" España regresa á Inquisición e á censura. Porque hai grupos políticos que queren volver ao pasado máis escuro e o pasado, como ben dicía o poeta Carl Sandburg, é un cubo, un caldeiro cheo de cinza.

Comentarios