Opinión

A peste da guerra

NO SEU ensaio, de lectura obrigada, Razóns xurídicas do pacifismo, Luigi Ferrajoli lembra a primeira guerra do Golfo, a intervención militar nos Balcáns (levada a cabo baixo a cobertura formal da Otan), a guerra en Afganistán e a segunda guerra do Golfo que culmina coa invasión do Iraq. E o célebre xurista e filósofo italiano, visto o visto, propón unha nova institucionalidade internacional ou, como entende o seu analista, o profesor Miguel Carbonell, un organismo que sexa capaz de lle facer fronte aos retos da globalización e que deteña dunha vez por todas a loucura e o sen sentido da guerra. Non está de máis lembrarmos que o Tratado de Roma tipifica a guerra expresamente como delito (pois non existe a guerra lícita) e, a estes efectos, as Nacións Unidas e o seu denominado Consello de Seguridade, visto o visto, son institucións que nunca deixaron de cultivar un estrepitoso, cando non ridículo, fracaso.

Nos tempos que vivimos, coa pandemia aínda presente no planeta e co estalido dun máis que preocupante novo foco bélico en Ucraína (na guerra do Donbás, alí mesmo, con 8 anos de existencia, van xa máis de 14.000 mortos), as luces vermellas da humanidade, agora no propio corpo europeo, acéndense unha vez máis de xeito evidente e declarado. A idea de Ferrajoli arredor da creación necesaria dun constitucionalismo global e dunha democracia cosmopolita, inserida na realidade dun dereito internacional garantista, fica cada vez máis lonxe.

O discurso político imperante eliminou de vez a cultura do corazón, a entraña do ser humano da que nos falaba Walter Benjamin

E resoan sobre nós, talvez inutilmente, nunha Europa que brilla cada vez máis pola súa crecente incultura e polo seu desprezo á intelixencia, aquelas palabras sabias e poderosas dun Immanuel Kant que na súa Fundamentación da metafísica dos costumes, unha obra publicada en 1797, dicía, aguilloado por unha sorte de clamor ético persoal, que "non debe haber guerra; nin guerra entre ti e mais eu, nin guerra entre nós como Estados". Jean-Paul Sartre, case dous séculos despois, xa nun plano puramente materialista e realista, e tamén marxista, chegaba á conclusión, ben doada de establecer, de que cando os ricos fan a guerra son os pobres os que morren.

O discurso político imperante, aquel que nos trae ou acolle a peste da guerra, eliminou de vez a cultura do corazón, a entraña do humano da que nos falaba Walter Benjamin, e impúxose a violencia, calquera violencia, como unha infección que avanza sen control.

Comentarios