martes. 13.04.2021 |
El tiempo
martes. 13.04.2021
El tiempo

A mentira incesante

Vivimos rodeados, por toda a parte, de mentiras, e nada indica que o panorama vaia cambiar. A min, que volvo, preocupado, unha e outra vez sobre o tema, tantas mentiras en circulación —velaí as mentiras políticas, por exemplo— cáusanme abraio, e ás veces mesmo espanto. E digo isto porque acabo de lembrar un libro de José Carlos Bermejo Barrera, lido anos atrás, e titulado ‘La consagración de la mentira. Entre la realidad y el silencio’. Unha obra de permanente e absoluta actualidade.

O catedrático e escritor compostelán, personalidade que representa unha perfecta hibridación intelectual entre o histórico e o filosófico, reflexiona sobre a consagración da mentira no espazo político —algo que resulta evidente—, mais tamén no ámbito universitario, cómplice este, en moitos casos, do monumental engano que sofre a sociedade actual. ¿Exemplo dunha gran mentira política, por referírmonos a unha ben coñecida e recoñecida? Pois, sen ningunha dúbida, aquela do neoliberal Fukuyama anunciandofin da historia. E xa se encargou o historiador británico Perry Anderson de lle aclarar que a tendencia a xeralizar un cometido pode levar a que ninguén o atinxa.

O certo é que no mundo que vivimos, o embuste, así xa o determinaba Montaigne no seu tempo, ten cen mil figuras e un campo indefinido. Como ben se pode aprezar no día a día, as declaracións dun número non menor de políticos ofrecen un campointerminábel de mendacidades, falsidades e andrómenas de toda caste, creando así un espazo obsceno que torna mediocre e irrespirábel a realidade. No actual estado de pandemia, a mentira, unida á desinformación que produce desconcerto, actúa como unha flor velenosa que contamina todo. E, obviamente, empezoña a razón e a democracia.

Porque a mentira política, digámolo así, é unha clara arremetida contra a democracia. Vexamos se non as trolas e as imposturas maiúsculas que sementa, por exemplo, a extrema dereita no Reino de España. E aquí estamos, claramente, diante da mentira política organizada, sistematizada, regularizada: a mentira que nace da ignorancia programada, do ánimo indecente de embaucar e dun fel altamente tóxico que só pode aniñar na mente do fascismo. En definitiva, a mentira forma parte xa, en moitos casos, e por desgraza, da educación dos individuos. Responsabilidade de todos é pensar e traballar para que non se converta en social naturalizándoa.

A mentira incesante
Comentarios