miércoles. 27.05.2020 |
El tiempo
miércoles. 27.05.2020
El tiempo

A arte das mentiras

Como dicía Alfred Adler, unha mentira non tería sentido ningún a menos que sentiramos a verdade como algo perigoso

LEO NUNHA revista de divulgación científica que unha equipa de investigadores da Universidade de California do Sur detectou que os embusteiros ou mentiráns compulsivos teñen no lóbulo frontal do cerebro máis cantidade de substancia branca que de substancia gris. E na mesma revista tamén se afirma que dicir a verdade mellora a saúde física e mental das persoas. Ollen vostedes ao seu redor e mírense vostedes mesmos.

Agora, que vivimos na era das 'fake news', até é posíbel que os mentiráns 'verdadeiros' pasen máis desapercibidos ou inadvertidos, mais os que cultivan a habilidade de mentir de xeito 'profesional', insistente e continuo, por moito que finxan, máis tarde ou máis cedo acaban sendo descubertos. Eu, neste sentido, téñolle moita fe á descrición que realiza dos mentireiros o psicólogo holandés Aldert Vrij, da Universidade de Portsmouth: "O bo mentirán é manipulador, bo actor, expresivo, fisicamente atractivo, finxe espontaneidade, confiado en si mesmo, capaz de agachar emocións, elocuente, ben preparado, listo para xustificar respostas, capaz de dicir moito entregando pouca información, pensa rápido, é creativo, intelixente, posúe boa memoria, móstrase honesto e é capaz de detectar se as outras persoas cren ou non o que di, por máis que estean en silencio".

A cita é longa, e moi completa, mais eu debo confesarlles que coñezo a mentiráns e mentiranas de alto calibre que non son expresivos nin creativos nin elocuentes. Iso si, son perfectos manipuladores, finxidores a tempo completo e exhiben, haxa sol ou sombra, unha seguridade discursiva e unha honestidade que, aos poucos, acaba por se descubrir de 'cartón pedra', pura 'filfa' ou calote.

¿E cal é finalmente a técnica seguida por aquelas persoas mentireiras ao uso? ¿Que liñas seguen estas realmente na súa "arte de mentir"? A psicoloxía práctica ten unha posíbel resposta. Misturar, en equilibrio interesado, fragmentos falsos ou inventados con retallos de verdade. E iso adoita ter certo éxito, aínda que este só sexa parcial ou temporal. Mais funciona. Todos podemos ser testemuñas deste método tan utilizado. E todos sabemos que os falsificadores da realidade presentan unha información falsa co ánimo de aturular ou enganar. Mais sexamos comprensivos, aínda que nos doa. Como dicía Alfred Adler, unha mentira non tería sentido ningún a menos que sentíramos a verdade como algo perigoso.

A arte das mentiras
Comentarios