Opinión

Números clausus

Dende que os bares volveron a abrir e as terrazas teñen números clausus, a hora do aperitivo converteuse nunha especie de xinkana para ver quen consegue un sitio onde tomar o vermú. A min pásame como cando era nena e caía nalgún lugar onde se tiña como diversión aquel cruel xogo das cadeiras. Competir é demasiado esforzado e correr é de cobardes así que eu camiño simulando dignidade entre as mesas repletas de xentes acechantes e marcho, entón, como agora, coa decepción de non aposentar o cu xamais. As veces xa non o intento e quedo na casa en bata imaxinando que son un personaxe de mala vida dunha película dos anos cincuenta ambientada nos anos trinta, agarrada a botella de bourbon e aos fantasmas do pasado. Por sorte non tolero os licores e se miro atrás só vexo unha vida feliz, pero dos quimonos estampados e das greñas non quero prescindir. Ás veces penso en tatuarme a raia do ollo como Miguel Bosé pero logo penso que sen o rímel corrido o meu personaxe non sería o mesmo e que hai que ter coidado de que as ficcións sobre unha mesma non se vaian de madre e acabes sen voz e crendo en conspiracións de Sillicon Valley i en microchips nas vacinas.

Dos libros tampouco quero prescindir. Cheguei a C. co meu cargamento, dous para cada día que preveo pasar aquí. Así facemos sempre, imaxinar que a vida nos dará para moitas máis cousas que ao final facemos porque estamos demasiado ocupados perdendo o tempo. Niso son experta, en perder o tempo, pero deixo algo para As malas mulleres, a novela de Marilar Aleixandre.

Na novela, unha nena está no cárcere por acompañar a súa nai a abortar. A nai non vai porque perdeu a vida co sangue. Naquel lugar da Coruña as presas reciben as visitas de señoras da beneficiencia -algunhas que comparten tardes de salón con Juana de Vega, onde tamén corretea unha cativa espelida que se chama Emilia e será Pardo Bazán- e da Visitadora. Concepción Arenal intenta mellorar as súas condicións de vida alí dentro e tamén correxir os seus "desvíos morais". 

Paréceme incrible como nun tempo en Galicia xurdiron catro mulleres de tal importancia.

No alivio das reclusas inclúese a lectura. Para as mulleres alí pechadas basicamente por pobres é unha revelación escoitar os Cantares Gallegos, eses versos que lles falan a elas persoalmente, que as converten en suxeito, eses prados, arboredas, amoriñas das silveiras que se lle cravan directamente no corazón.

Quizás a literatura non salve, pero amortigua a vida cando bate forte e non ten prazas limitadas. Cabemos todos.

Comentarios