Opinión

Medo de cores, mal transparente

Eu penso no machismo que debe ser invisible como o mal epor iso non acaban de velo os publicistas que entenden o medo pero non entenden quen hai que mirar

É NOVEMBRO e chove, chove sen parar e eu esperto de madrugada e penso na auga que cae cos seus mil nomes e crepita na pedra como facían os petazetas na miña boca cando era pequena. Esperto e sinto os soños quentes do meu tormentiño que durme ao meu carón, esperto e penso nesa nena asasinada en Francia, penso no seu nome, Vanessa, que empeza con V, como violencia, como violador, como vil, como vacío.

Penso que saíu do instituto e non volveu, penso nos corpos suaves das miñas fillas, penso na palabra venganza e na palabra furia, que non empeza por uve pero é o que me sae cando escoito que a nena asasinada era unha moza e non, non o era, era só unha nena na porta da escola, unha nena como a miña pequena, que agora respira entrecortadamente, seu peito subindo e baixando aceleradamente baixo o pixama azul.

Quizais ten un pesadelo, un medo fuxidío, un exame de matemáticas, a mordedura dun can, o desaire dunha amiga, que morran os avós antes de tempo. Eses deberían ser todos os medos das nenas, nunca saír á rúa, nunca a encontrarse con alimañas humanas que teñen o rostro dun pai, dun tío, dun veciño que pasaba por alí e se ofreceu a levarte á casa cun sorriso falso, co mesmo sorriso que dedica ao seu bebé cando o colle en brazos e lle fai cóxegas , un sorriso de apacible home branco que da confianza, tamén somos racistas nas nosas alertas, sobre todo niso, os medos son de cores e o mal é transparente, non se ve, séntese nas nenas mortas, no medo das chicas cando saen correr, cando beben unha copa, cando madrugan para ir a algures e pola rúa baleira só hai un tipo que igual é inofensivo pero provoca un tremor instantáneo e ela corre, acelera o paso, súa, aínda que é novembro e vai frío e acaba de ducharse.

Eu penso no machismo que debe ser invisible como o mal e por iso non acaban de velo os publicistas que entenden o medo pero non entenden a quen hai que mirar, onde hai que señalar e eu non podo durmir e prendo a luz e abro un libro para ver se nas páxinas atopo algo que agoche este suspiro violeta que sae veloz, con v, de Vanessa, que xa non respira porque un home a matou.

Comentarios