Opinión

Turismo universitario

DE CANDO EN VEZ escoitamos falar do chamado turismo sanitario en España, de supostos cidadáns do Norte de Europa que aproveitan as presuntas vacacións de verán para facer unha ITV completa, cando non algún tratamento oneroso nos seus países de orixe con iso de que con isto da Unión Europea e o tratado Schengen todas as portas están abertas a (case) todos os cidadáns da contorna.

Un informe desvelado días atrás sinala que España está entre os dez países do Espazo Europeo de Educación Superior más caros, cunhas taxas medias anuais para os estudos de grao de 1.110 euros, cando en Alemaña pagan 50 euros e en Suecia, Noruega, Turquía, Grecia, Escocia, Chipre, Finlandia ou Austria son completamente gratuítas.

Dentro do Estado español, o prezo das matrículas varía entre os 2.011 euros por curso de Cataluña e os moito máis modestos 713 euros de Galicia, unha situación que non foi óbice para que o número de universitarios se teña desplomado case á metade durante os últimos 15 anos. Desde os 100.000 alumnos dos sete campus das tres universidades galegas ata os arredor de 60.000 que hai na actualidade.

Os números do campus de Lugo son desacougantes. Dos 10.000 mozos e mozas que había a finais do século XX aos menos de 5.000 que na actualidade seguen algunha das titulacións que oferta na cidade a USC.

As variables para explicar o descalabro estudantil son múltiples, pero a que está máis a man é o suicidio demográfico asistido dunha terra que non é país para novos e que camiña inexorablemente cara a súa desaparición se é que non chega algunha forma de vida de alén do telón de grelos que lle poña remedio.

Están tamén as situacións terribles polas que pasan moitas familias de clases traballadoras, o empobrecemento xeral e, por suposto, as políticas públicas de redución de becas e un desleixo pola educación e a cultura que produce dor de cabeza e de corazón.

E a mentira un milleiro de veces repetida —e non por iso convertida en verdade— de que temos máis universitarios dos que podemos soportar como sociedade, que non é máis có veleno clasista de quen segue a crer que só as elites merecen unha educación superior.
Con todo, non entendo como a Xunta e as tres universidades de Galicia non están a utilizar o prezo máis reducido das matrículas neste país para captar seiva nova entre os territorios do Estado nos que a matrícula é ata tres veces máis cara.

«Veña estudar a Lugo: matrículas low cost e pincho e tapa de cociña con cada caña».

Comentarios