Opinión

Pelis alemás

AGORA QUE non nos le ninguén, direilles que un dos meus vicios inconfesables son os telefilmes alemáns que botan as fins de semana logo de que Martín Barreiro dea o tempo. As pelis alemás de despois do xantar acontecen en lugares idílicos de Baviera, mais tamén en Italia, Suecia ou Escocia. Están protagonizadas por mulleres de mediana idade que se decatan de vez de que os seus homes lles poñen os cornos, pasan completamente delas, as minusvaloran ou as tres cousas xuntas. A nosa heroína aproveita para facer unha viaxe: xa sexa á súa terra de orixe ou a algún lugar ignoto; neste atoparse a si propia recibe o apoio doutras mulleres. Pode ser que lle practique o glasnost a unha malísima relación coa nai ou que descobra unha verdade agochada que a obrigue a perdoar unha amiga da infancia que se deitara con aquel seu mozo do instituto. Ela trastocará, para ben, a vida da comunidade: será conselleira do rapaz gai, da preñada adolescente e da anciá que loita para que o cacique local non lle tire a granxa; mesmo terá un escarceo desprexuízado cun profesor inmigrante, un chisco máis novo ca ela, o xusto para que se note. O ex quererá volver con ela, pero a nosa protagonista é unha muller nova que aprendeu a dicir «nein». Alianza e autoconsciencia feminina. A importancia dos coidados. As pelis alemás préstanme máis ca ‘'La La Land'’.

Comentarios