Opinión

OT: un galego para expulsar outro

NESTE outono/inverno no que volvemos prender nun reality show, no que Televisión Española conectou por fin coa audiencia millennial grazas a unha moi atinada xestión de redes sociais, apps e a ofrecer contidos en aberto durante todo o día a través dunha plataforma tan intuitiva e de uso masivo como YouTube, o primeiro drama para as galegas chega co enfrontamento entre Roi e Cepeda, que se dirimirá xa o ano que vén. Quen debe liscar da academia?

É innegable que un dos fenómenos pop da tempada é este regreso do formato Operación triunfo, cando se cumpren 16 anos da primeira edición e logo dun tempo na neveira no que teñen xermolado diferentes programas –Canteira de cantareiros foi primeiro porque en Luar todo foi antes– de persoas descoñecidas que cantan repichocas de radiofórmula para deixaren de ser anónimas.

Ademais do uso intelixente das narrativas transmedia, o grande éxito deste Operación triunfo 2017 é o cásting. Concursantes, na maioría, que non superan os 20 anos e coa memoria limpa: non saben o que é chorar como Geno ou Bustamante. Tampouco coñecen a Juan Camus, concursante cántabro da primeira edición, proposto catro veces para abandonar a academia e con quen se compara ao ourensán Luis Cepeda, que vai xa pola quinta ‘nominación’.

Desta volta, enfróntase ao teense Roi Méndez, quen xa se xogou deixar a academia nunha ocasión, co resultado dun 91% de votos favorables para o galego, quizais o único desta Operación triunfo que xa sabe o que é actuar diante de audiencias masivas como guitarrista da orquestra Olympus. O nome de Roi adoita aparecer nas galas entre os favoritos do público. O presentador, Roberto Leal, esperréchase con Roi. Esta mañá, na canle 24 horas de YouTube, Roi e a concursante navarra Amaia almorzaban mentres el lle relataba a ela a súa operación de fimose. O poder de Roi visibilizáse no fenómeno sapoconcho: deulle a coñecer ao mundo este vocablo galego e en dez días fíxose oco entre as candidatas a palabra do ano 2017 no Portal das Palabras da Real Academia Galega.


Cepeda foi salvado pola audiencia en catro galas. Os seus detractores consideran que é inxusto que teñan abandonado OT concursantes máis talentosos mentres un exército de adolescentes o apoia porque lles parece guapo ou porque ven a posibilidade dunha relación romántica con Aitana, unha das súas compañeiras na academia. Como se as adolescentes non tivesen razóns ou dereitos para gastar a paga no que mellor lles pareza ou como se non resultase misóxino e perigoso apelar á falta de criterio das mulleres novas para xustificar calquera cousa que a alguén lle parece que está mal. Cepeda, enxeñeiro en Deseño Industrial e xogador nas categorías inferiores do COB, di que lle gustan o punk e o rock americano, pero coñecémolo como un caso de Melendi: canta aflamencado. Que tampouco sería o primeiro galego a quen lle sucede tal, que aí están Cuchús Pimentel e El Kiki, mais chama a atención.

 


Cepeda xa traía 'fandom' do programa de Telecinco La voz, no que concursou en 2015. Algo pasa cando canta Cepeda, lle ten dito o membro do xurado de OT Manuel Martos varias veces, e ao mellor resulta que é certo, porque cando Laura Pausini o escoitou en Telecinco ofreceulle unha xira. El rexeitouna e escolleu a Malú como 'coach'. Semella agora o de Ourense arrepentido con aquela decisión, xa que hai uns días se queixaba diante dos compañeiros da pouca implicación da cantante madrileña. Léolle a Brais Iglesias en La Región que a de Pausini non foi a primeira vez na que Cepeda dixo non: o director da residencia universitaria na que vivía na Coruña o triunfito chamou a Xosé Ramón Gayoso, que se manifestou en carne mortal para escoitalo cantar e tocar na guitarra as súas propias composicións. Gayoso, conmovido, ofreceulle ir a Luar. Cepeda preferiu non facelo.

O profesor Manu Guix dixéralle a semana pasada a Raoul Vázquez, a última 'vítima' do cepedismo e catalán con orixes en Lugo e Portomarín, que Luis Cepeda é como unha "viúva negra" que se desfai de quen se lle pon por diante. Quizais por iso o programa non quixo sacrificar a Agoney –un dos favoritos polos eurofáns para representar a RTVE en Lisboa en maio– e optou por deixar na picota a Roi, alguén que cae simpático e que achega unha armada de sapoconchos para neutralizar as cepedistas.


Que como acaba o conto? Pois se volvemos sobre OT1 decatarémonos de que finalmente Juan Camus foi eliminado. Conseguiuno Verónica, unha moza que moitas veces se ía de tono e que se inventaba as cancións en inglés. A quen os máis só recoñecían que era ben riquiña e de quen afeaban que permanecía no concurso só por ser boa amiga de Rosa de España. Sóalles? Alerta 'spoiler': Verónica logrou un posto na final.

Comentarios