Miércoles. 22.11.2017 |
El tiempo
Miércoles. 22.11.2017
El tiempo

É o sincretismo, fato

A chave das noces está en aproveitar o vello e darlle lustre co novo, un proceder no que basean o su éxito o cristianismo e o rocanrol

MENTRES ESCRIBO estas liñas levo postos uns pantalóns de Atilano do Supermartes, mercados en Lugo nunha multinacional sueca, e unha camisola de Buffy, cazavampiros, que me chegou á casa logo de encargala nunha web de nerdalladas varias. Meu pai gardoume a única cabaza laranxa que lle saiu este outono na horta de Santalla e botei o domingo á tarde a ver as tres pelis alemás de La 1 –o sábado hai Cine de barrio e só son dúas– e a tallar un moucho de curcubita ao que lle puxen dentro unha vea do Ikea.

Nada do anterior quita de ir comer o polbo á Feira de Santos de Monterroso, nin que che proa o nariz co arrecendo dos crisantemos nos camposantos. Ou contarlles aos pequenos que, na Terra do Medio, polo tempo de Defuntos se facían colares de castañas cocidas que vendían as meniñas nos cruces de camiños e que se colocaban sobre as lápidas, cada castaña como símbolo dunha ánima liberada do purgatorio.

Ás veces sucede que os mesmos que erguen a símbolos nacionais galegos costumes de ben entrado o século XX coma a queimada, o churrasco ou o licor café –a tope co comercio e co bebercio– botan as mans á cabeza co Samaín. Que se é un invento das profesoras de inglés. Que se iso aquí nunca se fixo. Que se copia do Halloween.

Mesmo se non existise un sustrato de ritos e mitos prerromanos e precristiáns sobre a estantiga e Santa Compaña, o Portalén, a fin do tempo de luz e o Aninovo que lle dá a benvida á estación das tebras mentres festexa a fin da colleita. Aínda que non houbese rexistros de que na Terra Chá se lles daba forma antropomorfa ás cabezas dos nabos e se facían bonecas de remolacha. Incluso se descoñecésemos que os arquivos sinodais de Mondoñedo recollen como a picarada de toda clase social e condición pedía o migallo, consistente en castañas e outras lambetadas polo estilo, na véspera de Defuntos. Mesmo así, o Samaín e a súa desprexuízada irrupción nas escolas e nos centros de maiores debera ser benvido e celebrado neste país con certa tendencia a acomplexarse e a minusvalorar a galeguidade de calquera manifestación que non sexa un val de bágoas.

Somos moito de poñerlle pegas a todo, amigas. Imaxinan vostedes aos escoceses a dicirlles aos seus compatriotas e ao mundo que o monstro do lago Ness non existe e que o conto no que basean unha moi lucrativa industria de souvenirs, turismo, narrativas e ata misións científicas é unha trapallada? Pois as galegas, definitivamente, non somos escocesas.

A chave das noces está no sincretismo. No aproveitar o vello e darlle lustre co novo, un proceder no que basean o seu éxito tanto a igrexa Católica coma o rocanrol.

O ano pasado, o dolmen de Candeán, en Vigo, apareceu bestializado co símbolo das Reliquias da Morte de Harry Potter. Un triángulo pola capa de invisibilidade. Un círculo pola pedra da resurreción e un pau pola vara de bieiteiro, a máis poderosa de todas as varas máxicas. Falaba naquela altura o meu colega Germám Ermida na súa bitácora Apontamentos do Natural da intromisión dos elementos fantásticos na realidade e de que xeito as nosas creacións de ficción teñen máis valor que algúns símbolos "sancionados" oficialmente como relixión.

Agora xa pasou o Samaín, pero só nunhas semanas empezaremos co Apalpador. Porque todas sabemos ben que nin os Reis Magos nin o Pai Natal son produto da literatura fantástica.

É o sincretismo, fato
Comentarios