Opinión

Dieta mediterránea

CADA VEZ que un informe como o recente da Organización Mundial da Saúde alerta sobre tal ou cal alimento, os médicos repiten o mantra da volta á dieta mediterránea, que é a boa. Fano, mesmo, algúns doutores galegos, que non se decatan de que en Galicia non se pode regresar a algo que nunca existiu. Para mellorar os hábitos dos galegos desde a infancia, a Xunta tivo a ben contratar para este curso a xestión de varios comedores escolares, sete deles na Mariña de Lugo, a dúas empresas de Málaga. Que viva a dieta mediterránea!

Sen analizar que tipo de tradición culinaria, se a mediterránea ou a atlántica, é máis ou menos saudable —sobre todo, porque carezo dos coñecementos axeitados— non chego a entender o porqué desta decisión.

Hai algún punto da península Ibérica que estea máis lonxe da Mariña de Lugo que Alhaurín de la Torre —municipio de resoancias carcelarias—, onde tiñan a sede principal as dúas empresas do cátering?

Non é posible establecer unhas bases de adxudicacións públicas para situacións tan sensibles coma a que nos ocupa onde se prime as empresas locais e a compra de produtos de proximidade? Porque alguén lembra que esta é un provincia cuxa única —ou case— industria é a agroalimentaria?

Aínda máis: alguén cre que sexa máis barato e que dea mellor resultado un servizo de cátering, externalizado, que a provisión directa por parte da Consellería de Educación de prazas de cociñeiros e cociñeiras e de persoal asistente para os comedores escolares? Canto ten que percibir da Xunta —e por tanto, dos galegos— unha empresa para que lle sexa rendible transportar alimentos desde Málaga a Galicia, darlles de comer a milleiros de nenos e nenas e, ademais, facer negocio?

As reflexións van máis aló, xa que ás veces se nos esquece que a educación e o servizo de comedor non teñen que dar un beneficio económico, porque son dereitos fundamentais nunha sociedade como a que nos temos —ou criamos que tiñamos— construído.

Durante estes meses de dieta malagueña, o caldo e as lentellas fermentadas obrigáronlles algúns días aos centros a pedir unhas pizzas. Todo moi san. Asemade, as familias pediron unha «galeguización dos menús» ante o abuso de sopas frías, pistos e hortalizas coma a remolacha e o pepino, máis propias doutras latitudes.

O colexio pode ser un lugar tan bo coma outro calquera para que os nenos aprendan a comer cousas diferentes e non creo que sexa un drama xantar un gazpacho. Aínda así, non esquezamos que comer é tamén un feito cultural, un dos que din máis cousas de nós.

Comentarios