Opinión

Cultura da violación

É DESCORAZONADOR vivir nun mundo no que preocupa máis a reputación de dous futbolistas que a trata e as agresións sexuais a mulleres e nenas. O venres pasado coñecimos o escrito de acusación dunha das testigos protexidas no caso Torbe, que relata agresións sexuais e físicas que sufriu por parte de dous xogadores de fútbol cando —segundo a súa versión— foi chantaxeada polo produtor porno e forzada a ter relacións sexuais con eles.

Tan só uns días antes, chegaba desde Estados Unidos a nova de que un estudante de Stanford irá a prisión só tres meses logo de ser declarado culpable de violar unha compañeira. Branco, de clase acomodada e un gran atleta. O pai do mozo di que seu fillo non debera ir ao cárcere «logo dun acto de 20 minutos». Todo isto, cando unha de cada dez estudantes é violada en EE.UU. e o 40% sofre distintas agresións sexuais. A meirande parte das veces, a mans das súas parellas, moi dificilmente demostrables, xa que nunha cultura —a nosa— que normaliza a violación non cómpre nin unha bofetada para culminar un abuso.


Hai quince días, unha adolescente brasileira foi drogada e violada por 33 homes. A Policía preguntoulle se lle gustaba participar en orxías. Ten 16 anos.


Desde o venres, levo lidos e escoitados centos de comentarios e mensaxes nas redes sociais de xente moi empática cos futbolistas. Que se pobres. Que que marrón para eles. Que se o que queren é desestabilizar a selección de cara a Eurocopa. Que a conto de que vai facer tal cousa un tipo rico que ten unha moza guapa (e se ten unha moza fea?). Que se a presunción de inocencia.

Sorpréndeme a velocidade en procurar quitarlle crédito á testigo protexida, cuxo testemuño —non esquezamos— vén de destapar unha trama de trata de persoas, prostitución, agresións sexuais a menores, branqueo de diñeiro e fraude fiscal que polo de agora ten a Torbe, algún día o rei Midas do porno español, no cárcere. Tan complicado é presumir que elas non menten?

Alimentamos unha actitude colectiva que non convida precisamente as vítimas a denunciar. «Con este panorama, quen me vai crer?». O Consejo general del Poder Judicial vén de respaldar unha xuíza de Vitoria que lle preguntou a unha muller violada polo seu marido se pechara ben as pernas.

No caso da moza que sinalou os futbolistas, os menos cabestros atallan o debate cun “é que se prostituía”. Como se esa circunstancia eximise a unha muller de ser agredida ou, aínda peor, como se xustificase unha violación e as máis terribles vexacións que recolle o sumario. Como se a prostitución fose sempre un acto voluntario.

Son o elo máis vulnerable. Tanto, que as prostitutas nin contan para as estatísticas como vítimas de violencia de xénero cando son agredidas por un cliente. No caso das inmigrantes, á denuncia de calquera tipo de abuso séguelle unha orde de expulsión. E non fai falta ir lonxe. Hai uns días, a ONG Aliad alertou en Lugo sobre a vulnerabilidade das mulleres do caso Carioca, que non teñen garantida nin unha protección axeitada nin os seus dereitos fundamentais.

Comentarios