Opinión

Cachitos

CACHITOS DE hierro y cromo'’, un programa de La 2 que escolma actuacións musicais en RTVE e lle engade uns rótulos cargados de cultura pop e mala baba, é un dos mellores formatos que ten saído das canles estatais nos últimos dous lustros. En ‘'Cachitos'’ podes ver a Demis Roussos a voar nunha botella de champán e a Nina Hagen a cantar -en rigoroso playback- nos platós de TVE en Madrid ou Barcelona.

Co tempo, decátaste de que o exercicio de nostalxia na liña de ‘'Yo fui a EGB’' é sintomático de que a televisión de todas leva máis de vinte anos a desentenderse das súas funcións de servizo público. Dun tempo a esta parte, sobreviven ‘'Los conciertos de Radio 3'’ a horas intempestivas e distintas variantes de karaokes de máis ou menos tirón. Non falemos de periferias, linguas minorizadas ou escenas alternativas.

As eurofáns seguimos os programas que as televisións públicas do Espazo Europeo de Radiodifusión preparan para elixir representante en Eurovisión. Do Melodifestivalen sueco ao Festival da Cançao portugués ou o Sanremo italiano; son dignos, ben producidos, con audiencias millonarias. O '‘Objetivo Eurovisión'’ deste sábado foi, porén, unha das cousas máis bochornosas que teñen visto os nosos días: cancións irrelevantes, un xurado en entredito, un teatriño que remeda a ‘'La La Land'’ e unha traca final entre eurofáns berrallóns, cortes de mangas e agresións. Moi edificante.

Comentarios