Blog | Nube tóxica

Meigas de Walpurgis

As meigas, ás cabaleirolas de vasoiras e cabras; en carros tirados por gatos como a mesmísima Freia. As netas das bruxas que non puideron queimar pregúntanse nas rúas e nas redes que pasaría se o medo mudase de bando

Meigas de Walpurgis. EP
photo_camera Walpurgisnacht auf dem Hexentanzplatz b. Thale. BODETAL, HARZ.

ALGUNHA VEZ a comunidade do Galitwitter ten establecido as estacións neste país como a do cocido, de Samaín a Beltane, e a do churrasco, de Beltane a Samaín. Parabéns: están vostedes no tempo do churrasco, tradición tan ancestral que a súa chegada a Galicia remóntase aos anos setenta do século pasado grazas á iniciativa do restaurante O’Fogón (eses apóstrofes da prenormativa son marabillosos) da Pobra do Brollón. 

Do Samaín, ese invento de neofalantes e profesoras de inglés para a época dos magostos, seguro que escoitou falar abondo, pero co Beltane aínda non se fixo ruído. Será nos vindeiros anos, non teña apuro. As sociedades tradicionais, antes das relixións do libro, organizaban o curso en función dos labores do agro e o Beltane, a medio camiño entre o equinoccio de primavera e o solsticio de verán, supuña o comezo do semestre das luces nos territorios atlánticos.

Quizais teña visto estes días algúns coches engalanados cun ramalliño de xesta, como hai non tanto tempo se colocaban nos carros e nas xanelas nas madrugadas do 30 de abril ao primeiro de maio, recollidos antes do mencer, para pedir por unha boa colleita.

Neste recuncho de nabos, xestas e toxos floridos como para prohibirnos a entrada no Wanda Metropolitano por exceso de cor marela, sobreviviu o Beltane —ou o que for— como sucede coa maioría das cousas por aquí: porque non se lle fixo moito caso. E así, en Monforte, Ourense ou Pontevedra preparan estes días as escolas —as mestras son o mal, non o dixen xa?— os seus maios, os ornamentais e as coplas satíricas, para darlle a benvida ao novo ciclo anual: as excursións, os exames finais, o Selectivo, Eurovisión...

Con Santa Walpurgis canonizouse unha deidade asociada á meiguería e que facía campaña contra o matrimonio monógamo. Win-win

No centro e no norte de Europa, o Beltane chámase noite de Walpurgis e quizais sexa a miña variante favorita, porque consiste en fogueiras, gado no monte e aquelarres, que boa falta nos fan agora e sempre. A cristiandade, sempre ao quite, convertiu a celebración pagá na da Santa Walpurgis, patroa de labregas e criadas e protectora das artes da prestidixitación. E deste xeito é como se canoniza unha deidade asociada á bruxería e que facía campaña contra o matrimonio monógamo. Win-win.

Matinei moito no Walpurgis estes días. As meigas, ás cabaleirolas de vasoiras e cabras, en carros tirados por gatos como a mesmísima Freia. As netas das bruxas que non puideron queimar, nas rúas e nas redes a preguntarse que pasaría se o medo mudase de bando.

Ao tempo que recibiamos unha sentenza que non observa violencia nin intimidación en que cinco homes penetren por vía vaxinal, anal e oral a unha moza de 18 anos ebria, soubemos que o asasinato múltiple de Toronto reivindícao a grei misóxina dos incel, célibes involuntarios. Que digo eu, aí, a dúas velas, con fame canina, estivemos todas —algunhas ata emigramos a ver que tal— e non atropelamos nin matamos xente. 

Os incel, como os de "todas putas" e "a fregar" de Forocoches ou os señores na barra do bar ou no ambulatorio, que non todo o malo vai estar en internet, considéranse moi oprimidos polas mulleres en xeral e polas feminancis en particular.

Que qué queremos, se xa nos poden explotar na casa e no traballo e, ademais, como nos pagan menos, deixan de contratar homes. Quizais se lles active un mecanismo de advertencia: E se elas nos fan o que lles temos feito nós a elas todo este tempo?

Aínda teñen sorte de que as meigas deste Walpurgis pidan xustiza e non vinganza.

Comentarios