Blog | Nube tóxica

Coalas e gurgullos

Disque foi o tudense frei Rosendo Salvado quen introduciu o eucalipto. As especies exóticas nunca invaden a gusto de todas
 

Bechos bonitísimos
photo_camera Bechos bonitísimos. EP

OS MADEIRISTAS da Mariña falan de eucaliptos do país como se a árbore levase con nós desde os tempos do Medulio. A seguir a lóxica do sector orquestreiro, que procura para a verbena a declaración de patrimonio inmaterial, as plantacións de glóbulus das faixas atlántica e cantábrica acadarán algún día a distinción de reserva da biosfera.

Dáse por certo que foi o tudense frei Rosendo Salvado quen introduciu os eucaliptos en Galicia na segunda metade do século XIX, aínda que tamén hai quen defende que chegaron desta beira do Miño a través de Portugal. Terras irmás para o bo e para o regular tirando a mal. Disque o frade que evanxelizou Australia no catolicismo misou un día na catedral de Tui e na súa honra plantaron acacias e eucaliptos, que como especies ornamentais son ben pipudas —aí está o Avó de Chavín de Viveiro—, pero a nada que inzan teñen un poder multiplicador que modifica para sempre unha paisaxe. E así, queridas amigas, foi como empezamos a esquecernos dunha terra que alternaba os soutos e as carballeiras cos prados e as terras de labor a cereais e hortalizas.

O do eucalipto, agora que comeza a tempada de risco de incendios, é un fenómeno exemplificador de como construímos país, da cobiza, de como o monte comunal foi parcelado sen xeito, como as políticas públicas foron substituídas polo libre albedrío e de que maneira as persoas propietarias de terra non tiveron tampouco apoio ou orientación para apostar por alternativas que non supuxesen esta tristeza monocultora.

Que unha cousa é ir de fin de semana á aldea é engurrar o fociño porque aquilo non é o paraíso que debera, con ese complexo de superioridade urbanita, un aceno de mira-aí-ese-galpón ou lástima-de-carballos, e outra moi distinta vivir todo o ano alí coa pretensión —nunca tal se viu— de que o traballo che renda e de poder quitarlle proveito ás dores de lombo.

Por que importamos os eucaliptos e non trouxemos os coalas, os seus predadores naturais, que son peludiños, durmións, rilladores e tan amorosiños?

Ter a Rosendo Salvado debaixo dun dente era moi mainstream no ecosistema do Avante compostelán dúas décadas antes de que pasase por alí Íñigo Errejón. Se un día se me aparece —o frade, non Errejón— nunha sesión de ouija —cada unha pasa o tempo como pode— reñereille por rexeitar o bispado de Lugo e formulareille unha pregunta que me arde na gorxa desde que en 1987 TVE estreou os debuxos de Mofli: por que importamos os eucaliptos e non trouxemos os coalas, os seus predadores naturais, que son peludiños, durmións, rilladores e tan amorosiños? 

Tiveron os Aduaneiros sem Fronteiras aquel deseño con coala no canto da vaca da capa de Galicia, sitio distinto, de Os Resentidos, e tardaremos en esquecer esoutra imaxe de Marcos Pereiro abrazado a un eucalipto nun especial de Nadal de Nucha e Mucha da TVG. Máis nada. 

Hai uns anos, antes do situacionismo froilánico, había peñas das peregrinas de Pontevedra que se chamaban Islero e quen erguía o berro "gonipterus scutellatus, patriota galego" na internet non tan profunda da época sempre que atopaba a oportunidade. 

O gurgullo ou defoliador do eucalipto é un coleóptero, como os escaravellos, que se alimenta das follas como bumeráns azuis e que lles pon esa pinta de caixas de lapis esfolados ás ringleiras forestais. Apareceunos ao principio dos noventa, ao igual có fraguismo e Pelegrín, uns anos antes có bravú. Que se me ocorre a min que se habiamos acubillar fauna exótica, canto máis chuliños non eran os coalas ca este becho.
 

Comentarios