O día a día non é fácil para persoas en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida. Accións tan cotiáns como tirar o lixo chegan a converterse nun problema. Semella que teño especial interese en ‘remover’ nel porque perdín a conta das veces que abordei o tema. A modo de exemplo: no 2018 escribín algo sobre os colectores, na última reunión cos ‘alcaldables’ curiosamente un dos participantes na mesa lembroume que xa presentara a reivindicación no 2011 e, máis recentemente, tiven unha conversa telefónica. Van máis de dez anos de loita.
Estes días aparecía na prensa que se vai adxudicar o servizo de limpeza do Concello. Fácil imaxinar que lin a noticia con esperanza, pero non atopei nada relacionado coa ‘accesibilidade’. Será que se dá por feito e só se comentan outras novidades? Ao parecer a nova concesionaria debe renovar a totalidade dos colectores. Contemplará esa renovación o ‘deseño para todos’? Quero pensar que se van cumprir as condicións básicas de non discriminación e garantir a igualdade de oportunidades. Non esquezamos que hai colectores inclusivos nos que se compaxina deseño moderno e accesible incluso con aclaracións en braille. Aínda con estas dúbidas de fondo, vaia o meu voto de confianza.
Abundan iniciativas doutros concellos como que van incrementando o número ata completar a totalidade, que se instalan segundo as necesidades detectadas, que se atenden solicitudes individuais ou de asociacións, que deberán quedar situados o máis cerca posible das beirarrúas para non dificultar o acceso… Ata hai plans para colocalos en plataformas eliminando así o espazo que pode variar entre o colector e o bordo. En resume, consideran que son medidas necesarias para facilitar a vida dos seus cidadáns.
Espero que moi pronto Lugo figure nese listado de concellos que levan por bandeira ter presentes a todos os seus veciños e veciñas. Trátase de facilitar a independencia sen necesidade de terceiras persoas e favorecer ao máximo a accesibilidade como elemento fundamental da calidade de vida en xeral. Reitero o voto de confianza esperando se contemple como obxectivo a autonomía das persoas para acadar unha inclusión máis efectiva. Unha vez máis fago presente un lema do XXV aniversario de Auxilia que tanto se fai de rogar: ‘Por un Lugo sen barreiras!’.