Opinión

Aniversario da ordenanza

Neste ano de celebracións, a Ordenanza Municipal de Supresión de Barreiras Arquitectónicas tamén cumpre. Quero dicir que cumpre… vinte e cinco anos. O outro ‘cumpriment’” imos deixalo para mellor ocasión. A loita pola eliminación de barreiras foi unha constante desde os comezos de Auxilia. Barreiras que salvaba o voluntariado co seu entusiasmo e coa súa forza. Salvo solucións illadas nalgunhas beirarrúas por iniciativa dun concelleiro con dificultades físicas, estaba todo sen facer. 

Chegar a unha ordenanza non foi tarefa fácil. Facendo un pouco de historia temos que remontarnos a comezos dos anos 80 cando se asina un acordo entre o Concello e o Instituto Nacional de Servicios Sociais (INSS) para realizar unhas 60 ramplas. O acordo quedou en suspenso ata que no 81, Ano Internacional do ‘Deficiente’ (como titulaba algún medio de comunicación), aproveitando a revisión do Plan de Urbanismo, convocamos outra mesa redonda sobre barreiras arquitectónicas. Froito desa xuntanza fíxose esa 1ª fase con máis ou menos éxito dependendo dos obreiros da quenda. Hai que destacar a rampla do Instituto Feminino para que puideran acceder dúas rapazas en cadeira de rodas. Continuaría a 2ª no 82 con polémica polos erros cometidos na primeira. O ano 83 foi un referente porque empezamos a reivindicar unha Ordenanza. Textualmente o argumento era que «de esta forma algo tan necesario como las rampas en las aceras, dejaría de depender de la voluntad particular de los concejales, para pasar a ser una obligación de la Corporación». 

Continuarían fases en distintas zonas ata o 91 en que se organizou un encontro cos ‘alcaldables’. Asistiron representantes dos nove partidos e todos prometeron acabar coas barreiras. Un deles non se cansaba de dicir «dádenos caña». Ademais das rúas, parques e xardíns, centros de ensino e recreativos… presentamos un estudio, feito polos voluntarios, das barreiras dos organismos oficiais como Concello, Deputación, Goberno Civil, Sanidade, Correos, Facenda, Pazo de Xustiza, etc. A pesar de dar caña unha e outra vez, por activa e por pasiva, chegaron as próximas eleccións coas promesas incumpridas. Novamente a pregunta «no caso de ter que asumir a responsabilidade de Goberno ou desde a Oposición no Concello de Lugo que pensou facer no campo da eliminación de barreiras»? 

A nivel galego consensuamos un modelo de ordenanza que se remitiu, desde Cogami, a todos os concellos de Galicia. Como era de esperar nin caso e, aínda que se reivindicou varias veces a súa aprobación, andaba perdido polos despachos. Despois de tantas promesas o retraso era inexplicable chegando a dicirlle a un concelleiro que se interesou polo tema, que non se ía facer. Ante esa información convocamos unha reunión urxente co alcalde, en novembro do 95, na que pediamos que se constituíra unha comisión. Falouse de reunirse cada quince días para axilizar a aprobación o antes posible, incluso antes de fin de ano ou en tres meses como máximo. Queríase compensar o deixamento dos anos anteriores, pero era moi precipitado e non foi así. 

Van vinte e cinco anos sen poder baixar a garda na loita pola accesibilidade universal e o deseño para todos

Resultou decisivo o programa de debate ‘Contraste de opinións’ de Televisión Lugo que casualmente se emitiu á semana seguinte da xuntanza co alcalde. Participaban representantes dos arquitectos, construtores, sindicatos, urbanismo e Auxilia. Como curiosidade dicir que era a primeira vez que ía unha muller ao programa. Foi un debate moi teórico, con declaracións que hoxe estarían fóra de lugar. Algúns incluso descoñecían a existencia do borrador. Todos con documentación escrita e eu falando desde a realidade da cidade. Non sabiamos que facer máis e, como dicía no debate, xa me conformaba con xuntarnos para ler a ordenanza. Miren por onde tamén se comentou o difícil acceso ao Centro de Saúde de San Roque. 

O remate do programa derivou nun compromiso claro de crear a comisión. Lembro as palabras dun membro da mesa: «Marisol, me quitaste una venda de los ojo»”. Non sería ata o 12 de marzo do 96 cando se constitúe coordinada polo concelleiro de Urbanismo. Algunhas reunións máis con discrepancias sobre quen se invitaba e posible aprobación en setembro. Sería en decembro e por unanimidade. Asistín ao Pleno e conservo un orixinal que me entregaron “solemnemente” como recordo. Publicouse no BOP do día 15 de xullo do 97. Eramos o cuarto concello en ter unha Ordenanza, incluso máis innovadora e adiantada que a futura Lei de Accesibilidade galega do ano 2000.

Todas as esperanzas postas na súa aprobación que coincidiu co inicio da celebración dos actos do noso XXV Aniversario. Era un bo comezo!! Non obstante, van vinte e cinco anos sen poder baixar a garda na loita pola accesibilidade universal e o deseño para todos. E nesas estamos celebrando cada rampla, cada ascensor, cada porta automática, cada baño adaptado, etc. Non deixo de preguntarme se vinte e cinco anos non son suficientes para «un merecido descanso». Só temos unha vida e non podemos pasala sorteando onde podemos entrar. Aínda así, parabéns á ordenanza!!

Comentarios