Opinión

Algo se está a facer mal

Quizais nunca tanto se esperou do "ano novo, vida nova". Claro que coa que está a caer... Aínda así temos por diante un libro coas follas en branco. É o momento dos propósitos que se non van acompañados de feitos quedaranse só en intencións. Sigo coa teima de que algo se está a facer mal cando as solucións non acaban de chegar. Si, algo estamos a facer mal cando as cousas non cambian ou cambian tan lentamente. Anos atrás e sen recursos, uns cantos contra corrente, fomos capaces de sentar unhas bases e sacar adiante unha lei. Difícil entender que, ano tras ano, sigamos reivindicando un mundo para todos, unha sociedade inclusiva... Tiña que invitarnos a reflexionar.

O poder do pensamento actúa caladamente. Urxe liberarse de prexuízos e actitudes paternalistas ou indiferentes. Só cabe asumir o noso compromiso porque depende de todos que as discriminacións non se alonguen no tempo. Novamente un tema tan básico como o educativo está de actualidade. As vivencias deses primeiros anos marcan para ben ou para mal. Catalogamos ao alumnado como máis ou menos capaz, pero… en que? para que? Esa sentencia vai collendo forma nun expediente académico ata que aparece alguén que ve a esa nena ou ese neno desde a igualdade e a situación empeza a cambiar. Quizais xa é tarde. Non son teorías, falo desde a experiencia e desde a vida.

Non podía faltar o exemplo tan manido da "accesibilidade universal e o deseño para todos". Quen se lembra de innumerables persoas no anonimato, sen actividade e prisioneiras nas súas casas? De nada serve fixar prazos, neste caso o 4 de decembro de 2017 no que todo tiña que ser accesible. Que a diario teñamos que ir sorteando onde podo ou non podo entrar vese como algo normal. Non acabamos de convencernos de que é o entorno o que ten que cambiar para que poidamos participar e progresar con igualdade de oportunidades.

Aínda que proliferan as ONG, que antes se contaban cos dedos das mans, os problemas non diminúen na mesma proporción. Algo está a fallar cando o mundo do terceiro sector non avanza de acordo co esperado. Contamos con asociacións pioneiras en Galicia a piques de cumprir 50 anos, estou a referirme a unha de Ourense que se nos adianta por pouco tempo. As ONG desempeñan unha función social importante, pero o seu cometido prioritario non debe ser ocuparse dos servizos desatendidos fomentando así que a Administración se lave as mans.

Semella que está asumido que a sociedade é para uns poucos sen ter en conta que tamén existe a fraxilidade humana. Entón… cando será o momento de cambiar o enfoque? Actuar desde o parámetro da desigualdade (eu teño e ti non, eu sei e ti non) non foi solución. Pasemos ao parámetro da igualdade e do compartir (elimino as barreiras para que entremos os dous). Somos diferentes, pero iguais en dignidade.

Comentarios