lunes. 14.06.2021 |
El tiempo
lunes. 14.06.2021
El tiempo

A Vía Romana XIX no Corgo (2ª parte)

NO ÚLTIMO ARTIGO semanal quedámonos percorrendo a ruta que vai serpeando arredor da Vía Romana XIX pola chaira de Campelo e Bergazo cara a capela das Virtudes, lugar crucial para entender o pasado romano do Corgo. Esta ruta que comezabamos nos límites do concello de Castroverde, e en concreto no lugar de Rubial (parroquia de Fonteita), alóngase durante doce quilómetros e medio ata chegar aos confíns co concello de Lugo (entre as parroquias de Arxemil e Coeo), nun percorrido chan e sinxelo, apto para todos os transeúntes e nos que as pegadas romanas son patentes en cada recuncho e se mesturan con variado patrimonio de orixe medieval ou do século XX.

Nunha fermosa paraxe natural, estragada hai décadas pola instalación dunhas granxas de porcos que hoxe se atopan abandonadas, aparece a capela das Virtudes, pertencente á parroquia de Pedrafita. Hai neste lugar tanto patrimonio material como intanxíbel pola antigüidade do mesmo. A capela, de sinxela arquitectura pero ampla para acoller os múltiples fieis que se achegan durante a Ascensión, alberga un retablo central barroco con tres tallas e outro lateral renacentista con outras tres. Unha lenda explica o emprazamento actual do santuario porque no pasado un feixe de veciños de Pedrafita atoparan a Virxe lavando na fonte (outro dos elementos imprescindíbeis do lugar). Os veciños levárona para a actual igrexa parroquial pero ela remataba volvendo á fonte unha e outra vez, polo que concluíron facerlle unha ermida no lugar.

Fose como for, en decembro de 1784 o papa Pío VI concedeu indulxencia plenaria durante sete anos aos devotos que visitasen a capela na festividade da Ascensión despois de recibiren confesión e comuñón. Catro anos despois créase a confraría de Nosa Señora das Virtudes con devotos pertencentes a varias parroquias do Corgo e Castroverde e este feito xunto co exponencial aumento das esmolas que produciron as indulxencias papais fixo que a capela se arranxase tal e como hoxe a coñecemos e que vivira uns tempos de grande esplendor. Na última década a veciñanza decidiu retirar un palco de bloque existente en fronte da fachada principal e a sorpresa apareceu en forma de pequeno, pero fermoso, palco de pedra de base octogonal, hoxe restaurado, que reflicte a importancia das festas da Ascensión outrora.

Pero se hoxe temos alí a capela foi porque a Igrexa católica decidiu cristianizar un lugar onde puido haber un templo dedicado ao deus do comercio. Alí apareceu unha ara votiva ao deus Mercurio que hoxe se custodia no Museo Diocesano de Lugo e que posúe unha inscrición que indica que a ara foi doada por Máximo, fillo de Segundo, por iniciativa propia e porque o deus o merecía.

Outra explicación do emprazamento está na fonte sinalada antes e situada a 100 metros da capela en liña recta. Arredor da mesma os devotos lavan cuns panos as partes do corpo enfermas (ollos e pel) e despois déixanos pendurados nas proximidades coa crenza de que unha vez podreza o lenzo, as doenzas vaian desaparecendo. O certo é que a fonte contén augas sulfurosas (cuxa composición química está analizándose dende o concello a petición do BNG nun dos últimos plenos) e que outrora existira un culto pagán dedicado ás fadas indíxenas ou ás ninfas romanas.

Para rematar a visita do visíbel e invisíbel dese lugar, quédanos admirar un impresionante agger que se atopa no piñeiral que hai en fronte da ermida, antes de proseguir o camiño en dirección a Adai, onde atoparemos unha vila, vida a menos, que agocha outras tantas sorpresas.

A Vía Romana XIX no Corgo (2ª parte)
Comentarios