Opinión

A Vía Romana XIX no Corgo (1ª parte)

O DOMINGO pasado tocoume supervisar a ruta da Vía Romana XIX que o proxecto Vías Atlánticas, ao abeiro do programa europeo Interreg III, executou no período 2005-2007. A misión consistía en ver o estado de conservación, limpeza e sinalización do treito de vía comprendido nos concellos do Corgo e Lugo coa finalidade de poder realizar algunha acción de promoción e posta en valor por parte de varias asociacións do eido cultural lucense e da que xa se irá dando máis información nun futuro próximo. No proxecto Vías Atlánticas determinaron o trazado orixinal da vía, sinalizaron e acondicionaron unha ruta de sendeirismo que serpea arredor dos restos e fixeron un gran labor de divulgación a través de internet (viasatlanticas.depo. gal) e de publicacións en formato papel.

Había anos que non facía o percorrido completo así que me despracei ao lugar de Rubial (parroquia de Fonteita) para comezar o itinerario no límite municipal con Castroverde (parroquia de Tórdea) de onde procede a vía. A ruta cruza o río Tórdea (afluente do Neira) por unha sinxela pero fermosa pontella feita con grandes pedras de cantaría e cruza o lugar de Rubial no que aínda queda un muíño dos varios que existiron antano na zona. Á saída do barrio o camiñante pode cargar a cantimplora coa auga fresca dunha tradicional fonte de pedra para circular en dirección a Chavín (outro lugar de Fonteita). Aínda que no primeiro cruzamento un fito de pedra recomenda coller á dereita para subir á estrada provincial que une O Corgo con Castroverde, pasando polo cemiterio, eu recomendo seguir de fronte para visitar a igrexa románica de Fonteita.

A nave do templo foi ampliada destruíndose a fachada orixinal e creando un novo frontispicio barroco. A ábsida consta dun tramo recto de planta rectangular, cuberto con bóveda de canón, seguido dunha cabeceira semicircular, cuberta cunha semicúpula. Conta con sinxelos canzorros e unha moi fermosa ventá seteira no centro da curvatura absidal. Pero a sorpresa desta igrexa agóchase no seu interior, no cal se atoparon pinturas murais protagonizadas por San Miguel en dúas escenas. Esta igrexa non vai ser a única románica que o transeúnte poida visitar se ten interese xa que nas parroquias limítrofes atópanse a de Franqueán (onde se achou un miliario con epígrafe dedicado a Marco Aurelio Caro e que se atopa custodiado no Museo Provincial de Lugo), a de Castrillón (con outro miliario anepígrafe situado en fronte da capela) ou a de Campelo (lugar a onde se dirixe a vía despois de Fonteita).

Dende a igrexa subimos cara o cemiterio e no lugar de Barrio cruzamos a estrada provincial. É nesta zona onde a sinalización da ruta precisaría dunha intervención para mellor sorte dos camiñantes e onde habería que facer máis fincapé nos traballos de roza, aínda que o tránsito non ten maiores dificultades. Toca circular por camiños tradicionais, nos que a fresca sombra das carballeiras circundantes axuda a superar a calor da tarde dominical e deleita os cinco sentidos do transeúnte; estamos en Campelo.

Será nesta parroquia onde poderemos observar un dos tramos mellor conservados da Vía Romana XIX. O agger do Monte da Lomba de Campelo, situado á dereita da ruta en dirección Lvcvs Avgvsti, impresionará ao viandante polas súas dimensións. Atópase no medio dun piñeiral de propiedade privada e será o primeiro anaco dunha sucesión de aggeres que fai do concello do Corgo un dos lugares imprescindíbeis para calquera estudoso do noso pasado romano. O camiño continúa e o próximo destino será o da contorna das Virtudes, onde nos agardan moitas sorpresa

Comentarios