Opinión

O 'verde', a enerxía e o atletismo

ESTA SEMANA fiquei atónito vendo o titular de que o Parlamento Europeo aprobaba considerar o gas e a enerxía nuclear como enerxías verdes. Faltando aínda que o Consello da UE dea o seu visto bo á proposta (estou seguro de que así o fará), a noticia de que un combustíbel fósil e unha fonte de enerxía que xera subprodutos radioactivos de longa duración (séculos de actividade) e que incluso no primeiro mundo pode sufrir colapsos que afectan a amplas zonas xeográficas (ver o accidente de Fukushima, no Xapón, o 11 de marzo de 2011), non deixa de sorprenderme. Dende logo, todo isto entra en completa contradición co que levo explicado nas miñas aulas nestas dúas décadas como docente de Tecnoloxía e de Física e Química.

E mudando de tema, se algo pode considerarse verde, de verdade, é práctica do atletismo. Cun par de tenis (medianamente bos, iso si), uns pantalóns curtos e unha camiseta vella, non só podes practicalo cando e onde queiras, senón que se o incorporas á túa vida cotiá poderás aforrar uns cartiños en gasóleo, agora que está tan caro, e contribuír a reducir emisións de CO2. Certo é que tamén hai atletas consumistas que poden chegar a gastar moito na práctica deste deporte (roupa, ximnasios, fisioterapeutas, carreiras...) e incluso situacións curiosas como coller o coche, percorrer unha non moi grande distancia para meterse nun ximnasio con calefacción (ou aire acondicionado, no verán) e correr nunha cinta andadora a mesma distancia que hai entre a casa e o ximnasio, situacións nada eco, análogas a considerar o gas como enerxía verde.

Nas Terras de Lugo a afección polo atletismo popular aumentou moito nas últimas décadas e, sen datos obxectivos que me avalen, case me atrevería a dicir que somos unha provincia onde a práctica deste deporte está moi estendida. Nas últimas décadas, o número de carreiras aumentou exponencialmente, sendo o número de atletas ben elevado tendo en conta a baixa densidade de poboación dos nosos concellos (agás a excepción da cidade de Lugo e da Mariña Lucense). Lembro como cando comezamos a organizar a Carreira Popular Arumes do Corgo (hoxe denominada Memorial Quique Casanova) no 2009, poucas carreiras consolidadas había na provincia fóra do circuíto Corre con Nós en Lugo, a mítica Ferreirúa da Probra do Brollón ou o Memorial Eduardo Fdez. Villamarín de Rábade. Afortunadamente hoxe xa é raro o concello que non organiza algunha carreira ao longo do ano.

E se correr pode ser unha práctica verde e, dende logo, moi saudábel para quen a practica, tamén pode ser unha oportunidade de apreciar o magnífico patrimonio que posúen as terras de Lugo. En distancias longas (pero tamén nas curtas) temos fermosas carreiras nas que fascinarte co patrimonio natural como o medio maratón Ribadeo-As Catedrais, que cumpre en setembro a oitava edición, ou o primeiro medio maratón de montaña das Minas da Pontenova, celebrado este ano. Outras son incribles polo patrimonio cultural que permiten gozar, como o medio maratón Cidade de Lugo El Progreso, que nas súas catro edicións amosa orgulloso o patrimonio da cidade bimilenaria.

Dentro deste último grupo quero facer fincapé nunha modalidade que está aumentando nos últimos tempos, como é o de correr polos camiños de Santiago. O éxito total do medio maratón Os 21 do camiño que une Palas de Rei con Melide, e que moitos meses antes da carreira teñen que pechar as inscricións por completarse o aforo, fixo que este ano agromaran dúas interesantes iniciativas. A primeira delas, a Xacorun, celebrouse no mes de marzo entre Sarria e Portomarín cubrindo unha distancia superior á do medio maratón (22 km). A segunda é a que se celebrará mañá entre a casa do concello de Baralla e o Castro de Castrillón no Corgo e que, nunha distancia de 18 de quilómetros, cubrirá unha das etapas da variante do Camiño Francés denominada Vía Künig. Organizada pola Asociación Cultural Vía Künig, en colaboración cos concellos de Baralla e O Corgo, esta dura carreira permitiranos gozar dun fermosísimo percorrido á vez que reivindicamos a oficialidade de Camiño de Santiago para esta interesante ruta.


 

Comentarios