domingo. 01.08.2021 |
El tiempo
domingo. 01.08.2021
El tiempo

Veñen tempos escuros!

DENDE HAI semanas camiñamos con firmeza, aínda que dun xeito desigual a nivel territorial, cara un confinamento domiciliario. O empeoramento da situación nos últimos quince días lévanos, como sociedade cristiá (pero sobre todo capitalista), a intentar salvar a campaña de Nadal como sexa. Está claro que o obxectivo prioritario non será o de salvar o maior número de vidas posíbeis senón o de salvar a economía nunha época do ano na que adoitamos a tirar a casa pola ventá (ceas, agasallos, viaxes...). E para que iso poida ocorrer nin as últimas medidas adoptadas esta semana en Galiza serán suficientes. Nas vindeiras dúas semanas é probábel que volvamos ver as Ucis da maior parte de hospitais ao borde do colapso (ou directamente saturadas) e cando xa non haxa retorno volveremos confinarnos nas casas coa data límite do 15 de decembro, na que teremos que volver a maquillar a realidade para aparentar unha normal normalidade.

Nin son futurista, nin epidemiólogo, mais penso que calquera bo observador pode chegar ás mesmas conclusións vendo o que está a acontecer nos países da nosa contorna e como están a actuar as administracións públicas (estatal e autonómicas) nas últimas dúas semanas. O covid-19 está a avanzar neste outono con paso lento pero decidido, dándonos como sociedade a oportunidade de prepararnos, ao contrario do que pasou en marzo, que nos colleu a todos e a todas co pé cambiado.

Será que un vai tendo uns certos anos; será que un ten menores ao cargo; sexa polo que sexa, o certo é que nos últimos tempos un foi preparándose para o inevitábel. A nivel profesional, formación e formación para afrontar o ensino a distancia; a nivel persoal, a procura dunha mellor (dentro do mala que é sempre no rural) conectividade para afrontar o teletraballo, a provisión utensilios básicos e de alimentos non perecedeiros, e un longo etc.

A xente do rural estabamos acostumados a confinarnos anualmente, pero fomos perdendo os hábitos. Antano os Santos e Defuntos marcaban un punto de inflexión no calendario. Coa recolleita do último froito, a castaña, pechábase o ciclo de verán e a sociedade rural estaba preparada para afrontar a invernía coa despensa chea (as tullas cheas de trigo, os pataqueiros con patacas, a esmelga feita, as castañas, noces, mazás...). Todo estaba preparado para pasar un longo letargo dentro da casa no que a actividade tampouco paraba (dependendo das casas facíanse zocas, cestas, arrombábanse as ferramentas do campo...: tocaba prepararse para o seguinte cambio de ciclo!).

Hoxe os tempos mudaron. A última colleita xa é a do kiwi, os conxeladores permítennos consumir a colleita da horta o resto do ano e aínda que os medios tecnolóxicos deberían conseguir que estiveramos máis preparados o certo é que cada vez dependemos máis dos supermercados, panadarías e comercios como pasa nas vilas ou cidades. É dicir, a título individual vivimos ao día sen botar o ollo ao que pode acontecer dentro de medio ano e iso é dende logo unha febleza para afrontar esta pandemia.

Por desgraza, o que é unha tónica individual tamén se traslada ao institucional. Nestes oito meses de pandemia, credes que a nivel sanitario estamos moito máis preparados para afrontar a agardada segunda onda da pandemia? A nivel social, cambiamos algo para supervisar e blindar os xeriátricos? Poderemos dar comida e acubillo ao cada vez maior número de familias sen ingresos? E no ensino, ese servizo que sendo o que primeiro parou en marzo pretende ser o último en pechar na segunda onda, aprendeuse algo? Todo apunta a que os fallos estruturais do sistema semellan estar igual que no comezo da pandemia. As medidas publicadas esta semana pola Consellaría de Educación van por ese camiño.

Veñen tempos escuros!
Comentarios