Opinión

Tempestade nun mar de plástico

Hai case vinte anos, cando cheguei no meu primeiro destino ás terras de Cervantes, marabillábame cada vez que subía en coche ás cotas altas do concello (Piornedo, Campa da Braña...) e de súpeto abandonaba a mesta néboa, o frío e a humidade para introducirme nun novo e distinto escenario onde o sol pintaba a paisaxe con tonalidades cálidas. Nese intre, non dubidaba en arrimar o coche para poder admirar os fermosos mares de nubes, ou néboa, que eran capaces de tapizar ducias de quilómetros cadrados dos Ancares. As primeiras veces sacaba de cámara para inmortalizar o momento e compartir con coñecidos a estampa. Despois seguino facendo só coa cámara dos meus ollos (canta importancia dámos á cámara fotográfica fronte á visual, cando despois as fotos quedan almacenadas e esquecidas nun dispositivo electrónico), gozando do momento en soidade, ou na compaña de alguén, e freando o impulso de tirarme nesa inmensa nube de algodón branca que tiña aos pés. 

O fenómeno que describín no primeiro parágrafo é bastante habitual nas zonas de montaña e prodúcese por unha inversión térmica. O mar de nubes aparece, xeralmente, entre os 500 e os 1.500 metros de altitude con tempo frío, humidade, estabilidade atmosférica e ceos despexados nun proceso meteorolóxico que non penso explicar neste artigo porque non vén a conto. Porque os mares que vou citar a continuación non son de nubes, nin son temporais, nin fermosos, nin naturais, nin nada de nada. Refírome aos mares de plástico que chegaron á nosa chaira hai seis anos e que se instalaron primeiro na parroquia de Pacios, do concello de Begonte, e despois no Arneiro, do concello de Cospeito. 

As instalacións son inmensas e cobren ducias de hectáreas para producir amorodos, arandos e moras que impresionan a vista de paxaro (os que non temos cartos para ter unha avioneta ou dron adoitamos voar, ademais de coa imaxinación, con ferramentas informáticas como google maps ou co sixpac). A empresa, de Huelva, fixouse no 2015 nos terreos chairegos co fin de cubrir os doce meses do ano coa produción do que lle chaman berries xa que é un produto que cada vez ten maior demanda nos supermercados en calquera época do ano polo boa fama que teñen a nivel nutricional. 

Trabállase intensamente en determinados períodos do ano para levar ao mercado unha produción que nada ten que ver coa tradicional galega. Falamos dun proceso agroindustrial con grandes impactos non só no visual, senón no elevado consumo e contaminación de augas e solos que leva implícitos. A maiores as condicións laborais son malas. Trátase de longas xornadas laborais (en ocasións de ata 12 horas), salarios inferiores aos establecidos por convenio e un trato, moitas veces, denigrante a unha masa laboral que está en mans de migrantes que proceden, maioritariamente, de Rumanía e África (condicións de hixiene, alimentación, vivenda...). 

Este tipo de instalacións lémbranme á invasión de novos parque eólicos. Trátase dunha degradación paisaxística de espazos de gran valor, que apenas xera postos de traballo nin riqueza na zona do seu emprazamento, con altos impactos ambientais e ocupación de terras que poderían ter outros usos agrarios tradicionais, nun modelo colonialista e de expolio dos recursos naturais que tan ben coñecemos na Galiza. 

As condicións laborais e o patrón de traballo destas empresas está a xerar malestar nas zonas de implantación tal e como vimos estes días pasados en Castro de Ribeiras de Lea. Da reacción da sociedade en conxunto dependerá a continuidade ou o cambio de modelo económico e social actual.

Comentarios