Opinión

Tanatorreflexións neste primeiro de maio

Neste primeiro de maio tan atípico, onde o canto da internacional nunha solitaria fiestra dunha casa de aldea nunca suplirá a calor humana dunha multitudinaria manifestación para reclamar a protección da clase traballadora, deume por teimar en col da soidade e da morte. Si, coa de problemas que temos enriba da mesa deume por pensar nos nosos velliños e nas nosas velliñas, egoísta de min!

Eles, que xa pasaron as multitudinarias follas dos seus calendarios, egoísta de min! Eles, que cunha paguiña, que nos tempos que corren se converteu en luxo, aínda gardan uns aforriños pensando nos deus descendentes, egoísta de min! Ben debera de preocuparme pola multitude de persoas que levan preto de 50 días pechados na casa consumindo Netflix como se non houbera un mañá, ou polo gran empresario que rebe as súas ganancias nun 30% e que nos está axudando coa doazón de 50 máscaras.

Pois si, voume permitir o luxo de dedicarlles unhas liñas da miña columna semanal a esas persoas que na soidade das súas casas loitan contra a enfermidade (o Covid-19 ou calquera outra, seguramente moito máis grave), ou aquelas outras recollidas xa polas suaves mans de Tánatos. Eles que na súa infancia, en casas ateigadas de xente, viron morrer a avós, bisavoas, tíos segundos... no mellor dos cuartos da casa coa man agarrada dos seus familiares, ven como agora ese balbordo curativo non pode suplirse polo dos debates sen xeito, nin moderación televisivos. Din que como sociedade evolucionamos moito e vemos esas fotos en branco e negro dos nosos devanceiros con mágoa, pero como explicárllelo aos nosos velliños e velliñas?

Sinto mágoa polos que sofren nas súas casas pero non quero imaxinar os últimos días nos hospitais. Sei que os nosos profesionais sanitarios están a facer un excepcional traballo (a ver se nos lembramos diso cando toque reclamar máis diñeiro para o noso sistema sanitario público) e que tratan de suplir as forzadas ausencias dos familiares, mais iso queridos amigos, é imposíbel. Pensar que o final dunha longa travesía vital vai rematar nun frío cuarto de hospital, pensar que no seu acompañamento á sepultura tan só poderán estar tres persoas e que terá moita sorte se aparece un crego a rezar un derradeiro nosopai ten que ser moi duro para eles tal e como aprenderon a ver o mundo.

Pero iso non é nada comparado coa dor que deben de sentir polos seus descendentes. Tan afeitos a traballar e aforrar mirando pola continuidade familiar ven agora como a casa patrucial fica baleira, como as leiras que eles ou seus pais conseguiron con tanto esforzo (cantos emigraron coa finalidade de regresar con cartos para mercar unha tenza determinada que axudara á mantenza do gando) están cubertas polas silvas e as xestas. Sei que dende un balcón da rúa da raíña isto queda moi lonxe, mais facede un esforzo e poñédevos na súa engurrada pel tan só por un intre.

Tristura por marchar vendo como o planeta que eles axudaron a construír se vén abaixo por completo. Porque cando nos críamos felices e poderosos unha microscópica tira de ácido nucleico é capaz de escachar a economía mundial e o que é máis grave estoupar as danadas microeconomías domésticas. Mágoa inmensa por ver esta inxusta sociedade que en todas as crises teima por salvar sempre aos grandes emporios e non aos pequenos traballadores, que nestas arremetidas sempre ven recortados os seus dereitos. Neste primeiro de maio, agora e sempre, por unha Galiza soberana e con futuro!

Comentarios