Opinión

Siri, o espello dunha sociedade con baixa autoestima

É QUE EU FALO GALEGO, sabes Siri? Coméntalle Moraima ao iPad con paciencia despois oír varias veces un "creo que no te entiendo..." e que non se refire a un ton de voz baixo ou a unha mala vocalización da nena. O vídeo, gravado pola súa nai nun momento de xogo da cativa, percorreu como a pólvora as redes sociais (esas que caeron estrepitosamente esta semana) e moitos xornais fixéronse eco do asunto como unha anécdota que non é. O vídeo nin é gracioso, nin tenro (como o quixeron orientar algunhas cabeceiras); é dun triste, tristísimo, que nos debería facer reflexionar como sociedade. Con pouco tempo de duración, a gravación reflicte a batalla das linguas minorizadas contra o xigante da globalización, unha guerra cada vez máis perdida e que rematará por soterrar a riqueza lingüística do mundo como preámbulo dun xenocidio cultural sen precedentes (só comparábel ao acontecido en América, por moito que Ayuso e o PP actual o trate de maquillar, hai máis de cinco séculos).

Esta semana un xornal galego recollía nunha reportaxe as dificultades dos pais galegofalantes para criar a súa descendencia en galego en contornas urbanas ou vilegas. A presión social exercida nos centros de ensino, a través da televisión e das novas tecnoloxías, nos parques e sitios de lecer remata por derrubar anos de entrega nos domicilios familiares. A reportaxe incluía outro aviso de gravidade que moitos interpretan como outra anécdota graciosa: a sorpresa dunha nai galegofalante á que se dirixe unha nena para preguntarlle se lle falaba inglés ao seu fillo. A frase, dunha crueza monumental, non só manifesta o pouco coñecemento de inglés que segue a ter a rapazada pese aos esforzos do PP representados a través do Decreto do Plurilingüismo, senón que manifesta claramente que os obxectivos reais deste foron converter ao galego nunha lingua estranxeira na zona urbana e semiurbana de Galiza e deixar o rural galego como un parque temático con tendencia a súa redución paulatina.

As intelixencias artificiais, como vimos ao comezo do artigo, non entenden galego pero semella que as intelixencias naturais tampouco. Ou iso se visualizou a semana pasada no encontro denominado II Foro La Toja Vínculo Atlántico. Nel participaron as mentes máis lúcidas da península: Alberto Núñez Feijóo, El Rey, Pedro Sánchez, Mariano Rajoy, Felipe González... para debater sobre nonseiqué, nuns conclaves onde a política e mundo económico se mesturan con sospeitosas intencións (para subírnola luz, por exemplo?). O caso é que outro ano máis vólvese a deturpar e barbarizar un topónimo tan fermoso como A Toxa a pesares de que hai 34 anos que se aprobou, por lei, a oficialidade única dos topónimos galegos.

Sen unha vontade clara e unívoca dos nosos xestores políticos para mudar a situación nada poderemos facer (Gales, por exemplo, pensa destinar 3 millóns de euros dos fondos covid para impulsar a lingua galesa). Porén, isto só o acadaremos se como sociedade galega gañamos previamente a autoestima suficiente como para facernos valer e sermos conscientes da asimilación cultural (tras desta virá tamén a económica) que estamos a sufrir. Porque querendo, aínda estamos a tempo para reverter esta complexa situación.

A lei xeral de comunicación audiovisual do Goberno do Estado pode ser un exemplo dunha desas mans salvadoras cando estás nunha situación límite ou doutra oportunidade perdida en forma de pesada laxe. Das preto de 26.000 series e películas dispoñibles en plataformas como Netflix, HBO, Prime Video u Disney+ só 25 están en galego (porque todas elas foron producidas aquí). Toda vez que o devandito proxecto de lei establece unha porcentaxe de emisión obrigatoria do 50% en castelán, ignora por completo ao resto das linguas oficiais do Estado (por poñer só un exemplo do que esta lei pode dar de si). Mentres iso non se consiga outras Moraimas seguirán a ter problemas para falar en galego neste mundo tecnolóxico no que estamos.

Comentarios