lunes. 16.05.2022 |
El tiempo
lunes. 16.05.2022
El tiempo

Sesión de investidura: pasado e futuro

Pobre, poderiamos definir o discurso do novo presidente de Galiza nesta semana de investidura. Un Rueda plano e sen ilusión tratou de vendernos que vivimos na mellor das Galizas posíbeis para prometer o que xa agardabamos: continuidade, é dicir, máis do mesmo. Triste, cando a xente só pode repetir a frase aprendida (por insistente) de que Feijóo foi un grande xestor, pero non é capaz de especificar os logros acadados despois de permanecer 13 anos á fronte da Xunta de Galiza e coas mans totalmente libres froito de catro maiorías absolutas.

Un Rueda gris que ten como reto substituír a un líder que si que foi carismático e un gran comunicador (que non xestor, repito). Un Feijóo que gañaba, sobrado, nos debates (tanto electorais como no Parlamento galego) aos candidatos e voceiros do resto dos partidos ata que se atopou a unha muller tranquila e que o trataba de ti a ti, argumentando con fundamento e serenidade o desleixo dun goberno da Xunta aliñado co tecido empresarial e de costas á cidadanía. Un Feijóo que calaba cando no goberno do Estado gobernaban ‘os seus’ e que con Sánchez xogou a ser o líder na sombra do partido da oposición, preparando ese tan agardado desembarco mesetario (cantas veces o temos anunciado nesta columna semanal!).

Por outra banda lamento, e moito, o posicionamento político dos medios de comunicación galegos con Feijóo e co PP no seu novo rol como xefe do principal partido da oposición. Semella que, despois da remuda, Feijóo siga a gobernar Galiza cando o seu tratamento mediático debería de ser acorde coa representatividade que o PP ten no Estado, nin máis nin menos (se un extraterrestre aterrara dende hai unhas semanas na Galiza chegaría a pensar que o presidente do Estado verdadeiramente era Alberto e non Pedro). Titulares de que Feijóo se confrontará con Sánchez no Senado unha vez ao mes denota o elevado grao de colonialismo que sufrimos como país xa que a idea principal non debera de ser esa. Feijóo accede ao senado, acompañado polo seu gardacostas Tellado, por representación autonómica polo que as súas intervencións deberan de estar centradas na defensa dos intereses de Galiza e non confrontando con Sánchez outros asuntos que a nós pouco, ou nada, nos afectan. Doutro xeito estannos a roubar peso nunha cámara, precisamente de representación territorial (aínda sendo conscientes do pouco valor que esta ten na realidade), ou o que é o mesmo, que cobrará como xefe de filas do PP estatal a costa das galegas e dos galegos.

Algo leva mudando na Galiza dende os últimos anos. Fronte o continuísmo dun PPdeG que ten a cabeza nun despacho a 600 km de distancia no país agroma unha nova forma de facer política con mulleres sobradamente preparadas á cabeza. Mulleres como Ana Pontón, Olalla Rodil ou Noa Presas: mozas, ilusionadas e cos pés, única e exclusivamente na terra que as viu nacer, sen máis intereses que os de traballar por Galiza e sen ningunha porta xiratoria agardando por elas cando rematen a súa traxectoria política. Mulleres que foron capaces de sintonizar coa mocidade e cos de maior idade, que son valoradas pola xente da cidade e da aldea e cun discurso que vai calando en todas as capas sociais e que tamén vai penetrando paseniñamente entre os perfís conservadores. Esta semana deuse un paso máis para que o cambio galego sexa cada vez máis posíbel.

Sesión de investidura: pasado e futuro
Comentarios