Opinión

A sanidade, mellor presencial, coma o ensino

TODOS TIVEMOS claro dende o 13 de marzo que o confinamento no mundo do ensino era un mal necesario diante do tsunami epidemiolóxico que estaba por vir. Lembro que daquela non todos o vían de xeito tan diáfano coma o presidente de Castela- A Mancha, Emiliano García-Page, que acusou directamente ao profesorado de non querer traballar. O ensino non presencial foi un mal menor que nos pillou directamente en calzóns a case todos os estamentos da administración educativa. Co decorrer das semanas e prevendo que o confinamento se podía alongar o profesorado sacou de táboas para adaptarse ás circunstancias nun momento no que a consellaría nos fanou calquera posibilidade de compás que nos guiara en tan incertos mares. Mal que ben, o curso foi rematando e todos/as concluímos que había que poñer os medios para poder contar cun ensino presencial agás que as circunstancias foran moi, moi negativas.

O mesmo lle pasou a atención primaria, peza fulcral e chave de acceso ao noso sistema sanitario. O covid-19 fixo que a atención dos doentes non urxentes e crónicos se realizase por teléfono desvirtuando totalmente o labor das e dos profesionais do mundo sanitario. A medida foi dende logo lóxica nos tempos duros do confinamento pero careceu de total sentido nos meses posteriores.

Atrás queda aquel dito que aseveraba que aquí tiñamos a mellor sanidade do mundo. Hoxe, vistas as cifras derivadas da covid-19 vemos que non é verdade. Temos un sistema sanitario que foi grave e periodicamente mutilado ata quedar nun esquelete que non se recoñece do que antano foi.

Efectivamente hoxe temos grandiosos e luxosos hospitais (necesarios, por suposto) nos que gastamos centos de millóns de euros pero temos a uns profesionais totalmente vilipendiados con salarios que non se corresponden co traballo realizado, con gardas inhumanas e precariedade nas contratacións. E pese a iso, son a verdadeira xoia dun sistema sanitario decadente.

Cando diciamos que tiñamos a mellor sanidade do mundo estabamos sendo inxustos. Verdadeiramente debiamos afirmar que tiñamos aos mellores sanitarios do mundo e iso debémosllo tamén ao sistema educativo e a unha sociedade que en conxunto segue educando en valores como o coidado aos doentes e ás persoas maiores. Non en van outros países europeos (Reino Unido, Portugal...) pelexan por levar a profesionais da medicina e da enfermería a traballar ao estranxeiro (eu xa teño a varios/ as alumnos/as nesas circunstancias).

Estou seguro de que a sanidade a distancia provocou máis enfermidade e morte nestes meses que a propia covid-19. Canto lles custa a moitos dos nosos maiores comunicarse por vía telefónica (xa presencialmente tiñan a eiva de tratar de falar co/a médico/a en castelán, un idioma que en moitas ocasións non dominaban) e que importante é a inspección ocular dun profesional (canto máis o resto de medicións que adoitan facer nunha visita rutineira: tensión, temperatura...). Ese falar pausado que deberan ter con visitas non cronometradas, tirando do fío como se dunha investigación se tratara, ata chegar á cerna do problema. Unha empatía e habilidades que dificilmente se poden exercer por vía telefónica. Unha mirada, un sorriso e unhas palabras ditas de maneira presencial curaban en si moitos males.

Mais son tempos de presa, de frialdade, virtualidade e de eficiencia (xa o eran antes do coronavirus). Momentos onde un enfermo grave polo covid-19 pode chegar a morrer na máis estrita soidade nun cuarto dun hospital privado da compaña necesaria dos seus seres queridos. Queridos gobernantes, a ciencia non é incompatíbel cos sentimentos! Devólvannos ese piar do estado do benestar que outrora coñecemos, a sanidade en maiúsculas

Comentarios