martes. 20.10.2020 |
El tiempo
martes. 20.10.2020
El tiempo

Salvar a produción e o emprego en San Cibrao

A segunda crise económica mundial en pouco máis dunha década (unha financeira e outra que tan só está dando os seus primeiros pasos derivada da pandemia) está demostrando que o sistema capitalista non é esa panacea que moitos crían. As tensións xeopolíticas entre estados, o aumento do racismo e da ultradereita, a sobreexplotación de recursos e o cambio climático son claras mostras de que este sistema económico e social non só está en clara descomposición, senón que de seguir así levaranos, sen esaxeración ningunha, á ruína planetaria.

Sen gardar, polo tanto, esperanza algunha no capitalismo, teño que dicir que a clara deriva deste, nas últimas décadas, cara o novo liberalismo (ou neoliberalismo) foi a puntilla para a desastrosa situación actual. No estado español o cénit desta corrente capitalista acadouse durante os gobernos de José María Aznar. El mesmo se proclamaba, nos distintos foros económicos nos que participaba, o campión do neoliberalismo poñendo a economía española de finais do século XX como exemplo para o resto da UE. E foron os seus gobernos os que decidiron privatizar as empresas públicas rendíbeis, a maioría delas en sectores estratéxicos da nosa economía, aducindo que "o Estado non debe ser empresario porque coarta a creatividade e o espírito de iniciativa da sociedade".

Dicíao no artigo titulado ‘Alcoa: non saben con quen falan!’ publicado hai catro meses: daquelas augas estes lodos. Era 1997 e a Sepi vendía a súa participación en Inespal ao grupo estadounidense Alcoa. Daquela, un BNG encabezado por Francisco Rodríguez loitaba no Congreso por frear a venda de Inespal. Hoxe segue sendo o mesmo partido (con tan só un deputado) o que segue poñendo enriba da mesa a necesidade de recuperala para todos e todas. Polo medio, dúas décadas perdidas nas que a fábrica quedou bastante obsoleta tecnoloxicamente pero da cal saíron millóns de euros que na súa maioría cruzaron o océano Atlántico.

Nese artigo sobre Alcoa manifestaba a miña cega confianza na resposta social contra o peche e así foi. Máis de catro meses de loita intensa, de mobilizacións, de reunións demostraron que Alcoa é unha peza chave na economía lucense e galega. Que toda unha comarca depende directa ou indirectamente da factoría e que pese a iso as dúas administracións públicas con competencias decidiron pasarse a pataca quente agardando que Liberty House lles quitara as castañas do lume.

Chega o final da partida e esa opción semella estar cada día máis lonxe. Un plan B é cada vez máis preciso. O BNG levaba esta semana ao Congreso, a través da comisión de Industria, Comercio e Turismo, unha resolución para incluír a intervención pública que mantivese a actividade industrial e os postos de traballo en San Cibrao. A iniciativa transaccionada con PSOE e PP foi apoiada de xeito unánime agás os deputados de Vox, que demostraron unha vez máis que Galiza tan só é un caladoiro de votos (pequeno) para defender os intereses mesetarios.

Nestes intres é totalmente preciso salvagardar eses postos de traballo (directos e indirectos). Os gobernos da Xunta e do Estado teñen que ser valentes e estar á altura das circunstancias. Se as intervencións públicas son viábeis en países como Italia, Portugal, Francia ou Alemaña poden selo tamén aquí para salvar a produción e o emprego en San Cibrao!

Salvar a produción e o emprego en San Cibrao
Comentarios